Veloso e Sánchez encamiñan as súas renovacións co W52-F.C. Porto

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O bicampión da Volta a Portugal sitúa moi cerca a sinatura do novo contrato, e asume que probablemente deba repartir a xefatura de filas con Raúl Alarcón

11 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Gustavo César Veloso e Ángel Sánchez Rebollido compartirán un ano máis equipo no pelotón profesional portugués. E é que se nada se torce, e moito, o vilagarcián e o cambadés volverán lucir o xersei do W52-F.C. Porto. Un conxunto en cuxa estrutura rodou Veloso as cinco últimas tempadas con grandes beneficios para ambas partes, e na que o excorredor do Xacobeo lle abríu as portas ao seu veciño no curso 2015.

«As negociacións están moi avanzadas, practicamente feitas, non estou mirar nada máis», comentaba onte Gustavo César, convencido de quedar no lugar onde quere estar cando na súa primeira conversa co director deportivo do W52-F.C. Porto, Nuno Ribeiro, este lle dixo que «a idea é renovarme coas mesmas condicións deste ano. Tendo en conta que no 2017 non tiven o mesmo rendemento có ano anterior, que me sigan valorando igual é de agradecer», declara o de Bamio, para quen «despois de cinco anos aquí, sinto este como o meu equipo».

O certo é que son moitas as razóns de peso para que unha e outra parte se sintan a gusto e con ganas de ampliar a súa relación. Sen ir máis lonxe o balance que, recordaba onte o propio protagonista, leva Veloso co W52-F.C. Porto nas cinco últimas edicións da Volta a Portugal: 2 triunfos na xeral (2014 e 2015), dous segundos postos (2013 e 2016) e nove vitorias de etapa. Entre estas últimas, as dúas que colleitou o pasado mes de agosto, unha en liña e a outra na contrarreloxio individual de peche da rolda lusa.

Ás dúas etapas da Grandíssima engade neste 2017 o vilagarcián a vitoria na Clássica da Primavera. «En xeral, fago un bo balance do ano, co sabor agridoce de saberme en disposición de pelexar pola xeral da Volta a Portugal», afirma Gustavo César. Ata que unha pájara na penúltma etapa tirou por terra todo un ano de preparación. Un episodio ao que tamén se refire o arousán: «É algo que hai que tragar, algo que hai que dixerir». E dous meses despois entende que «non é cuestión de queixarme. Levaba catro anos co listón súper alto. E como sempre dixen, a Volta a Portugal non se gaña nun día, pero pódese perder calquera día».

 

 

A primeira gran «pájara»

Non foi aquela a primeira pájara na carreira de Veloso. Si «a primeira vez que me sucede disputando unha xeral», de aí, conta, a súa repercusión. «Indurain seguro que tamén sufríu máis dunha pájara na súa carreira, pero só se recorda aquela do Tour que non gañou».

 

Sobre a pronta marcha do seu compañeiro Antonio Carvalho do seu carón tras retrasarse para tirar del, Gustavo César deixa ben claro que «foi o noso director deportivo o que o mandou a axudarme, e fun eu o que o mandei cara adiante porque podía facerlle falta aos compañeiros cando vin que era unha pájara, e por moito que puidera recuperar era imposible que dera conectado cos de diante. Nesas condicións daba igual chegar a 10 minutos a meta que a 40».

 

Pouco lle queda por concretar ao bicampión da Volta a Portugal co W52-F.C. Porto antes de asinar o seu novo contrato. Entre eses puntos por aclarar figura o seu estatus na xerarquía do equipo. Así, tras cinco tempadas coma único xefe de filas recoñecido, co contundente triunfo de Raúl Alarcón na xeral da última Grandíssima ¿seguirá sendo Veloso o xefe de filas do seu equipo? «Iso», contesta, «non me preocupa. Ás grandes carreiras imos sempre dous xefes de filas, un de tapado. O ano que vén ó mellor imos á Volta os dous -Alarcón e el-, xa sen tapado, porque despois de gañar unha edición, xa non podes ir de tapado». Un novo asalto xa sen o traballo de Amaro Antunes, número 1 do ránking ciclista portugués 2017, que vén de cambiar o Porto polo CCC Sprandi profesional continental polaco.