O Celta tira co Kemegal Cortegada

Pablo Penedo Vázquez
PABLO PENEDO VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O cadro vigués amósase moi superior ó equipo dun Rubén descualificado

20 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Kemegal Cortegada deberá ver a final da Copa Galicia desde a televisión ou a grada do Pavillón Esteiro de Ferrol. Pero en pretempada, co equipo adquirindo rodaxe, mais tamén sensacións, esa non é a peor lectura tirada da derrota na noite de onte a mans do Celta Zorka por un contundente 66-85 no marcador do pavillón municipal de Fontecarmoa. Un diferencial no electrónico que se axusta razoablemente ben ao valor en libros das accións en circulación dun e doutro equipo durante unha sesión bursátil de 40 minutos na que se poñía en xogo a oportunidade de disputar o domingo o primeiro título da tempada, coma rival do Universitario da Liga Feminina.

Remataron o banquiño e a afección local, uns 200 seareiros do Kemegal, visiblemente enfadados coa parella arbitral formada por Diego Domínguez e por Roi Rilo. Molestos pola súa suposta permisividade coa agresiva defensa de contactos practicada polas pupilas de Cristina Cantero, e polas tres técnicas sinaladas ao cadro local; as dúas primeiras encadeadas a Rubén Domínguez a 1 minuto e 20 segundos do descanso, co seu equipo en posesión do balón e en pleno proceso de reversión da máxima desvantaxe que encaixou o Cortegada na primera metade, 19-34 (min 15). Pero igual que a descualificante correspondente ao técnico local resultou proporcionada ás súas protestas do momento, o certo é que o Celta foi castigado con 26 faltas, polas 15, técnicas á marxe, do seu anfitrión, que lanzou o dobre de tiros libres 28 por 14.

O que aconteceu é que o conxunto vigués entrou con dúas marchas máis no partido, e non voltou tirar do cambio para aminorar, mentres o Cortegada sufría para entrar en cada apertura de acto. Cinco ataques en branco de saída marcaron a pauta. Coas de Rubén sen ser quen de endurecer o seu xogo agás na segunda metade do primeiro cuarto, coa entrada en cancha de Cris Loureiro, e do segundo, cando se víu 15 abaixo. Mentres, no contundente Celta practicamente todas producían. E máis aínda, atopando sucesivas xogadoras a modo de guía ao longo do choque. Primeiro con Itziar German e con Paula Fernández, e na segunda parte co trío Senosiain (17 puntos), Lacorzana (11) e Paula Fernández. Acompañadas dunha extraordinaria porcentaxe de acerto (55,8 % de 2, 50 % de 3) no que tirar tantas veces sen oposión axudou. A regularidade de Sara (21 puntos) e de Salomé (16 e 9 rebotes) non bastou para igualar a un rival máis intenso, dinámico e enchufado.

FICHA:

KEMEGAL CORTEGADA (66): Belén Mejías (4), Sara Gómez (21), Salomé García (16), Davorka Balic (6) y Amy Syll (8) -quinteto titular-; Cris Loureiro (10), Míriam García, Antía Varela e Andrade (1)

CELTA ZORKA (85): Senosiain (17), Patricia Vicente (16), Itziar Germán (12), Paula Fernández (7) y Carrera (8) -quinteto titular-; Lacorzana (11), Rivas, Laura Alonso (8), Minata Keita (6), Figueroa e Arambarri

Parciais (e marcador) cada cuarto: 16-18, 20-25 (36-43 ao descanso; 18-24 (54-67) e 12-18 (66-85 resultado final)

Árbitros e personais: Diego Domínguez e Roi Rilo. Sinaláronlle 18 faltas persoais ao Kemegal, incluídas tres técnicas, por 26 ao Celta. Descualificaron o técnico local, Rubén Domínguez, por dúas técnicas, e a pívot celeste Minata Keita por 5 persoais.