«Cousas de papá», de Raúl G. Pato, conta con dezasete poemas, algúns deles musicalizados e con ilustracións
14 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Raúl G. Pato é o autor de «Cousas de papá», un libro infantil de dezasete poemas no que abunda a fantasía.
-Tres artes representadas nun mesmo libro. ¿Qué motivou esa aposta?
-Eu quería escribir un libro relacionado co mundo infantil pese a que me parecía difícil non caer na rima fácil. A partir de aí, falei con Héctor, que é amigo meu; e con Blanca, coa que estudei no instituto, para que completasen a obra dunha forma moi libre. Non opinei no traballo de ningún deles, é absolutamente libre. Non se trata dun libro CD.
-A sorpresa foi que sumaran máis músicos...
-O feito de que Héctor lograse que se sumasen músicos de primeira fila como Uxía, Manolo Carballo e Sérgio Tannus enriqueceu enormemente o resultado.
-¿Qué sentiu ao escoitar os seus poemas musicalizados por primeira vez?
-Cando vou recitar un poema sempre digo que a música de Héctor o mellorou sustancialmente. Ao escoitalo por primeira vez, pensei que o poema estaba moi mellorado. Se a iso lle unimos as ilustracións, a sensación que tes como escritor é o dobre de gratificante.
-É profesor. ¿Len os nenos menos do que deberían?
-Na actualidade hai moitas actividades vinculadas coa lectura como os contacontos, que acostuman a estar cheas. Ao que non están acostumados, sen embargo, é a poesía. É curioso porque os nenos quédanse moito mellor cos versos. Pode verse nas cancións, facilítalles moito a tarefa de memorizar.
-¿Son un público esixente?
-Para min e moito máis difícil escribir para o público infantil. Se escribes para adultos falo pensando no teu propio universo pero cando escribes poesía para nenos tes que introducirte no seu universo e amoldarte. A maiores, os nenos teñen moi claro o que lles gusta e o que non.
-¿Cómo é o teu proceso de inspiración literaria?
-Non sei. Todos os días escribo, pero fagoo mentalmente, pensando nunha idea e desenvolvéndoa. No caso destes poemas o máis inspirador foron os meu fillos. Son os que, cun pequeno comentario, me deron a clave para tirar do fío e viaxar imaxinativamente.