A tiradora cambadesa impúxose na proba do Ránking Galego, e foi terceira na do Ránking Nacional Veterán
25 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Sobresaínte fin de semana a protagonizada pola tiradora cambadesa do Compostela Esgrima, Araceli Bugallo, no open organizado polo seu club. O sábado, impoñéndose na proba puntuable para o Ránking Galego de Espada da categoría absoluta feminina. E o domingo, rematando terceira na proba valedeira para o Ránking Nacional de Veteráns.
Na primeira das competicións, Araceli Bugallo superou nos cuartos 15-9 a vallisoletana Rita Marín, derrotando en semifinais a viguesa Olalla 15-11. Na final a arousá derrotou a Rosa Cano, do Olivo de Vigo, 15-13.
O domingo Bugallo non foi quen de traspasar a antesala do partido polo primeiro posto, superada por 10-8 por Cristina de Vargas. A tiradora madrileña imporíase despois a Rosa Cano, con Rita Martín ocupando a carón da cambadesa o outro terceiro posto no podio da proba do Ránking Nacional.
A posta en xogo de puntos para a clasificación estatal reuníu en Santiago de Compostela a tiradores galegos, pero tamén de Tenerife, Oviedo, Burgos, Madrid ou Valladolid.