O club reduce os prezos a 30 euros o carné individual, e 50 o familiar
11 ene 2017 . Actualizado a las 08:31 h.Desde a chegada de Manolo Abalo á presidencia do Arousa a directiva arlequinada traballa arreo por ensanchar ao máximo as vías de acceso de ingresos ás arcas da entidade. Entre as súas medidas figura unha segunda campaña de socios a metade de curso, que oferta a opción de facerse co carné do club para a segunda volta de Liga.
«Como todos os anos, queremos que quen queira engancharse ao equipo, poida facelo con prezos asequibles», comentaba onte Abalo. Este ano, co carné individual a 30 euros e o familiar a 50, cando os carnés para toda a tempada estaban a 55 e a 90.
O presidente do Arousa subliña que esta segunda campaña de socios pretende tamén elevar a poboación quincenal das gradas da Lomba. Con case 1.900 socios xa, e cunha asistencia media de entre os 800 e os 1.000 seareiros, o Arousa «está nestes momentos a facelo francamente ben», di Manolo Abalo, e «queremos que apoien o equipo». Non fala de promoción de ascenso, pero a opción é moi real.