Sisán, o cohete que preferíu orbitar a Primeira División

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O equipo ribadumiense de veteráns puxo por diante o goce de cada sábado a máis altas metas logo de catro ascensos encadeados

18 nov 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Uns dez anos atrás un grupo de veciños de Sisán decidiron lanzarse fóra do Fátima A.D.V. e fundar o seu propio equipo de proximidade na constelación de ligas da Asociación de Futbolistas Veteráns de Pontevedra. A parroquia ribadumiense facíase co seu propio vehículo de exploración, e a verdade é que non lle foi nada mal. Arrincando na daquela Sexta División, o Sisán encadeou catro ascensos consecutivos, para prantarse na antesala da división de hora. E aí o conxunto do Salnés decidíu entrar en modo orbital.

«Aquela primeira etapa foi moi bonita. Era todo gañar, e gañar. O primeiro ano ascendemos sobrados», lembraba onte Ramiro Marcelo Costa Lorenzo, delegado do Sisán. Pero cando chegou o momento de pensar no gran salto, «decidimos que non queriamos apostar pola Primeira División». E é que «entón tiñamos a varios futbolistas que xa competiran nesa categoría, e nos dixeran que se xogabamos nela, que o deixaban, pola esixencia. O nivel na Primeira é moi alto, e se empezas a perder e perder a xente perde a motivación, e comeza a haber líos. E nós xogamos na Liga para pasalo ben, e para disfrutar. Preferiamos estar ben, unidos, e competindo ao noso nivel».

Con algo máis de dúas ducias de futbolistas nas súas filas, o Sisán está hoxe lonxe daquela primeira era dourada. Agora pelexa por eludir o descenso no Grupo 3.ºA, penúltimo con 7 puntos en once partidos, logo de varios anos vendo por riba a Segunda División.

Ramiro Costa di que, en todo caso, aos seus compañeiros e mais a el o único que lles importa é pasalo ben. E poder seguir disfrutando e presumindo de «facer un xogo fermoso, fútbol». Claro que para iso contan no centro do campo con xente de primeiro nivel nunha competición como a de veteráns. Como o ex Arousa, Pontevedra e Xixón Miguel Carballa. Ou a Bruno Barreiro, ex xogador do Juventud Cambados e fillo do ex adestrador do Celta Jacinto Barreiro, que tenta cumprir todas as fins de semana co Sisán voltando desde o seu destino como profesor en León.

Logo de caer o pasado sábado co Pontearnelas 2-3, no Sisán xa só pensan no gran derbi ribadumiense da vindeira semana contra o Boa Vila Barrantes.

fútbol veterán