«A corrección neste espectáculo non existe; é humor pero salvaxe»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Josito gañou, con este personaxe de mil peles, o seu terceiro María Casares como mellor actor<span lang= es-es >. </span>
Josito gañou, con este personaxe de mil peles, o seu terceiro María Casares como mellor actor. cedida< / span>

Josito presenta mañá no Salón García «As mil vidas de Matías Houseman»

03 oct 2014 . Actualizado a las 04:53 h.

O monólogo que mañá ás 21 horas acolle o Salón García a prezos de choio (entorno aos 6 euros) é a súa primeira gran aposta dende a restauración. Con ela volve a casa un dos grandes: Josito Porto (Vilagarcía, 1967), meténdose nas mil peles de Matías, cidadán cero de moito carballo.

-Isto de volver á casa da cultura debe de dar motivación extra.

-É curioso porque aquí empecei a facer as miñas parvadas, entre o salón parroquial e a casa da cultura, con Clámide. É un sitio moi chulo, unha sala moi coqueta para facer teatro, con ese toque de pequeno formato que ten que chegar rápido á xente.

-¿Mátase co auditorio?

-Para nada. Son dos que reivindico estes espazos pequenos, pero hai cancha para todos, tamén para esa sala particular que seica vai comezar a funcionar pronto. No auditorio a xente está ao lonxe. Intúes ao público, pero non captas a respiración enriba túa, aínda que loxicamente vén moito mellor para as grandes montaxes. O Salón García é diferente, un punto de microteatro, de lugar recollido, esa platea marabillosa que ten e que respectaron na súa arquitectura, sen arramblar con ela. É unha chulada. Estiven cando foi a inauguración, o primeiro día, e xa tiven esa sensación de estar nun sitio especial. Sería moi interesante que mantivese unha programación estable.

-Algo que nos últimos tempos, semella complicado, ¿non?

-É que ninguén pode pensar que con programar con asiduidade xa se vai manter esa programación. Dá moito traballo, hai que estar moi enriba. Os programadores non poden ser simples contratadores. Teñen que converterse en auténticos informadores para que a xente saiba que iso está funcionando. Logo a nós, os artistas, os pallasos ou como queirades chamarnos, tócanos esforzarnos por facer cousas que interesen. Pero ten que haber ese alguén que procure que todo isto chegue á xente. Que non sexa unha anécdota no Salón García.

-Imos con Matías. ¿Como nace un tal personaxe?

-Foi caralludo. Falando con José Prieto, o guionista, comenteille que tiña gañas dun monólogo, pero teatral, que é algo que tes que ir explicando porque a xente imaxina un tipo facendo chistes mentres o persoal anda a tomar birras. É o bo de ter unha compañía propia, Teatro do Adro, podes xogar ao que te apetece coa xente coa que queres traballar.

-A partir de aí...

-A partir de aí é tremendo. A xente, que agarda ese monólogo televisivo, atópase cun descerebrado sentado diante dun ordenador que empeza a transformarse en miles de personaxes. Hai música, hai rollo físico, rollo sádico nalgún momento, humor bestia, crítica, e todo iso meteuno Jose nunha cocteleira e quitou a Matías. Ás veces penso, carallo, puideches meter menos.

-Porque ten que ser esgotador.

-Rematas canso, pero non é canseira física, senón psicolóxica. Son como doce, trece, catorce personaxes, cada un coas súas teimas e a súa situación emocional. Telo que tomar coma un xogo, como cando eras un cativo, xogabas a ser un indio e levabas por diante a todo quen se che puxese. Senón, sería imposible.

-O que dende logo non é, é para todos os públicos.

-Ningunha cousa que fagas enriba dun escenario vai superar a realidade dun telexornal. Pero eu non metería a un neno a velo. A corrección non existe neste espectáculo; é humor pero salvaxe. Ese tipo do fondo da oficina que non fala con ninguén pero estoupa ao chegar a casa. Eu, se o montase outra persoa, iría velo.

josito porto actor

«Que a casa da cultura teña unha programación, que isto non sexa unha anécdota»

«Eu, se a montaxe a fixese outra persoa, iría ver

a este Matías que estoupa na casa»