Home de familia, da Vilagarcía que se podería denominar de toda a vida, Quintela, enfermeiro de profesión, foi en tempos un celebrado pinchadiscos.
-¿Que pensará de todo isto aquela xente que vostede facía bailar cando era novo?
-Creo que a xente que fixen bailar téñoa moi contenta tamén con este paso. Quen me coñecen de toda a vida están contentos. Todos me ven e me animan, aínda sendo un paso difícil por todo o que leva consigo.
-¿Anímano tamén os seus pacientes no ambulatorio?
-Ui, dende que saíu a noticia dinme que dentro de pouco non os vou poder atender, que van ter que ir ao Concello para poder falar comigo. Dinmo todos os días. Incluso o outro día, estando nun establecemento comercial, unha señora díxome que estaba moi contenta de que me presentase. Todos os da cola xiráronse e a miña filla, a pobre, toda colorada.
-¿Ese feito de ser moi coñecido pode darlle unha certa vantaxe fronte a Alberto Varela?
-Posiblemente teña unha certa vantaxe nese sentido, si, porque non fai falla darse tanto a coñecer. Levo toda a vida no medio, pero iso será en todo caso para máis adiante. Agora, insisto, estamos en clave interna e aí os militantes coñécennos a Alberto e a min exactamente igual.
-¿Dende cando milita?
-Son simpatizante dende hai moitísimos anos e sempre fun votante do PSOE. Milito dende o 2010. Se cadra unha vocación tardía ata que xorden unha serie de coordenadas que me din que é o momento de comezar a militar e aportar o meu grao de area ao partido. Xorden no 2009 cando Feijoo gaña a Xunta. Antes de Touriño eu vía a Fraga coma un político de dereitas. Pero chegou Feijoo e se me prendeu a luz vermella. Esta é unha dereita moitísimo máis dura. Aínda estaba a burbulla sen estoupar cando el empezou a aplicar xa unhas políticas de puro recorte. Entón comezas a ver cousas, menos dereitos, o hospital, no que tantas ilusións e esperanzas puxo a comarca -hai que quitarse o sombreiro diante dos seus profesionais, por certo- non vai adiante. E todo comeza a mesturarse dentro de min para decidirme a poñerme a traballar para mudar as cousas e que isto non continúe.
-Un recuncho de Vilagarcía.
-A praia da Compostela, son moitos recordos. Encántame Carril. E tamén Vilaxoán, un sitio precioso que está abandonado polo Concello. Vilaxoán é un lugar para apostar por el e revitalizar. Aquel paseíño do peirao de Pasaxeiros... Gústame todo, dende os cubos do río do Con onde pasamos a adolescencia ata o campo de fútbol da Lomba.
-¿E no resto da comarca?
-Encántame Cambados.
-¿E A Illa non? Mire que apoiou ao seu alcalde nas primarias...
-Á Illa gústame ir. Tomar o polbo, O Carreirón, que é un paraíso. Pero en Cambados teño moitos amigos. Son moi de Cambados e moi pouco de Sanxenxo.