A marea vermella acabou de estrangular aos bateeiros galegos
19 dic 2013 . Actualizado a las 06:55 h.O 2013 vai ser «un ano difícil de esquencer» para o sector mexilloeiro galego. Así o di Francisco Alcalde, presidente do Consello do Mexillón de Galicia. «Este sector fíxose a base do traballo de moita xente, que converteu este sector nunha peza estratéxica da nosa economía. E agora está a padecer unha crise sen precedentes».
-¿A situación é tan mala como para que medre o número de xente disposta a desfacerse da súa batea?
-Falamos dunha situación de emerxencia económica, dun problema brutal de falta de liquidez, e de miles de familias que o están a pasar mal. E iso nótase en todo o tecido económico das zonas costeiras, en todo o que se move ao redor do sector.
-¿Como se chegou aquí?
-Eu penso que son varias cousas. Desde o ano 2007, cando se eliminaron os aranceis con Chile, a industria transformadora está deixando de demandar entre 80 e 100 millóns de quilos de mexillón galego. Iso produce, por unha banda, a chegada ao mercado de moito mexillón foráneo mal etiquetado que está facendo competencia desleal, e por outra altera o mercado de fresco ao se producir unha sobre oferta. A iso hai que sumar a crise, que reduciu o consumo das familias. E, para rematalo, está o terceiro gran peche do ano, que chegou nun momento clave, cando arrancaba a campaña de transformación e as ventas de fresco en Italia, en Francia e nos mercados nacionais... Sumado todo iso, chegamos a esta situación. Véndese pouco mexillón, o que se vende tarda en cobrarse, e os gastos de producción medran.
-¿E qué se pode facer?
-Fai falla que a Administración, dunha vez por todas, tome medidas valentes para a represión da fraude da etiquetaxe. Fai falla que, a través do Igape ou de quen sexa, se abran liñas de crédito para que o sector poida facer fronte aos pagos. Fai falla incentivar o consumo e hai, sobre todo, que recuperar a imaxe do mexillón galego, que quedou moi danada durante este terceiro gran peche do ano. E fai falta unha reestruturación organizativa do sector en base á cooperación.
-Pero en vez de unirse, parece que cada vez hai máis bateeiros que van por libre.
-É certo que cada vez se opta polo individualismo, como se fora a solución. Pero a verdade é que cando o colectivo estivo unido foi cando mellores decisións tomou.
-A tese da Administración é que as mareas vermellas non causan perdas aos produtores.
-Eu penso que a directora do Intecmar, cando fixo esas declaracións, non estivo moi afortunada, sobre todo tendo en conta a grave crise que atravesa o sector. Cando se fala de perdas non hai que pensar só nos camións que veñen de volta. Por exemplo, este terceiro gran peche tivo outro efecto moi importante, que foi que o 50 % do mexillón deste ano se desprendeu, e con el parte da colleita do ano que ven... Está claro que a directora do Intecmar se equivocou.
-O papel dese centro está en tela de xuízo. ¿Que pensa vostede?
-Por un lado, hai que ter en conta que estamos diante dunha marea vermella moi virulenta. E que unha parte moi importante do sector puxo en dúbida a credibilidade do Intecmar á hora de tomar decisións de apertura e peche de polígonos. Iso se traduce en que a gran maioría do sector estea a facer os seus propios análises de forma independente. Eu penso que hai que reforzar o sistema para ver onde se cometen os erros que levaron ao sector a tomar ese tipo de medidas. O Intecmar debe ser o garante da seguridade alimentaria dos nosos produtos, e por iso ese sistema debe ser reforzado.
-¿Aínda queda espazo para a esperanza ou xa está agotada?
-Estamos a tempo de tomar decisións correctas. E a primeira sería apoiar á DOP, porque defendéndoa defendemos a todo o sector.
francisco alcalde presidente del consello do mexillón de galicia