Lección de intriga e humor negro arredor dunha mesa

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARCOS CREO

Luís Iglesia e Xabier Deive, compañeiros en «Matalobos», dan vida este serán a un trepidante duelo interpretativo

15 dic 2013 . Actualizado a las 06:44 h.

Diante da proposta pioneira de RTA, Talía Teatro e Voz Audiovisual -saír a navegar sen axudas públicas na produción teatral non é precisamente o máis frecuente neste vello e tantas veces estraño país- inmediatamente vén á mente A pegada (en castelán, La huella; Sleuth no seu título orixinal en inglés), aquel magnífico filme que Joseph Mankiewicz dirixira en 1972, desenvolvendo un duelo interpretativo maxistral entre Laurence Olivier e Michael Caine. Como naquela peza, revisitada por Kenneth Branagh hai cousa de seis anos, Gaivotas subterráneas reduce o seu elenco a unha esquemática parella de protagonistas, Luís Iglesia e Xabier Deive, dous amigos que durante hora e media manteñen a tensión e a sorpresa cun diálogo sobre as táboas que, aseguran os propios actores, ten mesmo poder aditivo, levando a algúns espectadores a repetir cinco, seis e ata sete veces. Por desgraza, se ninguén non o remedia a última hora, non haberá máis oportunidades de engancharse á obra. A función que esta tarde, a partir das oito, comeza no auditorio municipal de Vilagarcía será a derradeira dunha montaxe chamada a un moito máis longo percorrido.

Sexa como for, o importante é que a capital arousá recupera o teatro de alto nivel nas portas do Nadal, como parte dun programa cultural no que non todas as escalas son para os máis pequenos. O argumento parte do encontro de dous amigos que, malia a súa estreita relación canda rapaces, levan longos anos sen coincidir nin ter novas un do outro. A ocasión ben merece ser regada, e os dous vellos compañeiros sentan nunha mesa co par de tragos que, inevitablemente, van soltando as linguas. Aos poucos, a conversa sobre o que a vida lles foi deparando vai collendo unha dirección insospeitada: un dos bebedores propón o seu compinche un trato inconfesable. Este é o detonante das sucesivas sorpresas e xiros que van enganchando ao público ata facerlle ben curta a hora e media de intercambio entre Iglesia e Deive, máis que coñecidos os dous polo público galego a raíz do seu traballo como Carmelo Matalobos e Diego Dourado na serie Matalobos.

Un dos puntos fortes de Gaivotas, subliñou esta mesma semana en Vilagarcía o seu director, Artur Trillo, é a escenografía que deseñou Suso Montero, todo un referente en Galicia. Tanto o realizador coma os actores coincidiron en subliñar que un teatro amplo coma o do auditorio vilagarcián fará brillar con especial intensidade esta parte do traballo, a tenebrista baiuca na que os dous relativos amigos manteñen a súa conversa.

Neste capítulo final, Gaivotas subterráneas dispuxo da colaboración de Zona Aberta, a asociación que agrupa o comercio de proximidade en Vilagarcía. O venres, Luís Iglesia e Xabier Deive encargáronse de escoller, de entre todas as papeletas depositadas, o nome dos dez clientes dos establecementos pertencentes á entidade vilagarciá que foron agasallados con sendas entradas gratuítas.

teatro «gaivotas subterráneas» no auditorio de vilagarcía