Asigla PXOM xa é un acrónimo. Horroroso, iso si, pero introducido na fala, de xeito que cando se pronuncia tal vocábulo impronunciable, explosivo, todo o mundo sabe con que lle están a disparar. Pero a quen mais se lle enche a boca é aos que presumen da xerga administrativa, aos concelleiros, e, en xeral, a esta troupe, -sen acritú, só con ánimo de agrupar-, que se da en cualificar como políticos locais, que nos obrigan, día si e día tamén, a conxugar o verbo aturar. Xa o adianto: se por min fora, que nunca che ha de ser, eu privaría ás corporacións locais das facultades urbanísticas. Así, dunha plumada: fóra competencias, todas para a Xunta. Por suposto, non para a Deputación, que esa é outra. ¿E por qué? Pois por unha razón moi sinxela: resulta unha aberración pensar que o urbanismo teña que aterse a fronteiras locais anquilosadas no deseño de Javier de Burgos. O urbanismo representa o xeito no que os humanos deberiamos ocupar o medio ambiente, con repercusións na Natureza, que non ten nada que ver coa división municipal e, menos, por onde andamos nós: fauna, ríos, mar, costas, paisaxe, zonas protexidas, bosques, non son recursos locais, teñen interese supramunicipal pero vense comprometidos coas decisións que se toman nos consistorios. E para tal articulación do medio natural que supón adoptar decisións que definen a presente e futura calidade de vida dos cidadáns e a preservación do medio, non se esixe nin un mínimo de formación e semella que todo o tapa a lexitimidade popular de aparecer nunhas listas electorais pechadas configuradas polos comités locais dos partidos políticos.
Por outra banda, non sendo con honrosas excepcións, os PXOM elabóranse de arriba abaixo. É dicir: non se someten antes ás necesidades da cidadanía, non se pregunta previamente, senón que, primeiro deséñanse e logo expóñense a información pública porque disque a Lei o manda así. Os munícipes xúntanse entre eles, pairen -ás veces é unha montaña que paire un rato- un PXOM e dinlle, despois, aos cidadáns que opinen sobre a súa xenialidade. Ítem mais: o conto é que o urbanismo elaborado dende a óptica local leva a querer dotar a municipios e inframunicipios da totalidade de servizos imaxinables sen ter en conta o que hai ao redor que, tan doadamente, pode ser compartido -¿Por qué O Grove non podería compartir o Polígono Industrial de Nantes?-. Nun espazo de escasos quilómetros cadrados, comunicados entre si, aparecen colocados á rapañota e repetidos eses mesmos servizos, sen un uso racional. É curioso pensar que as decisións urbanísticas tamén afectan ao dereito de propiedade, que é o dereito paradigma do sistema capitalista, pero déixase en mans dos municipios. O que pasa é que iso, hoxe, non resulta tan complexo, si se matina en que agora o dereito de propiedade non está representado pola titularidade do chan, senón pola propiedade do capital e do sistema financeiro. O que importa é financiar, construír e refinanciar o construído, con tódalas plusvalías a caer no mesmo peto. Sempre na mesma.