Os escraches na Sanidade

Manuel Castro ENFERMERO E DELEGADO DE CSIF

AROUSA

02 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Lonxe de mellorar, a situación na Sanidade pública é cada vez peor. Os recortes están menoscabando a calidade do servizo a pasos axigantados. Cada vez hai menos persoal nos centros de saúde e os profesionais ven como aumenta a súa carga de traballo, cobrando cada vez menos nas súas nóminas. Nesta guerra son os médicos, as enfermeiras e persoal en xeral os que máis estamos perdendo. As retribucións baixaron un 30 % e hai que ter en conta que hai xente no Sergas que nin sequera é mileurista. E por estar no medio do problema, son os profesionais os que teñen que dar a cara: a Administración por arriba, recórtanos dereitos e salarios, e os administrados, por abaixo, depositan en nós o seu malestar porque lle cambiaron de médico, porque lle tarda moito a cita ou porque levan unha hora esperando na porta da consulta. Fálase dos escraches que sofren os políticos, pero os profesionais tamén estamos sufrindo escraches dos pacientes, cansos de ver como os marean dun lado para outro. Mentres, a Consellería de Sanidade segue facendo experimentos con gaseosa como a xestión integrada, que o único que está conseguindo é laminar o Hospital do Salnés e a paralización da reforma de Atención Primaria. Os traballadores son fundamentais para que a Sanidade funcione, pero a Xunta parece que o esqueceu.