Os traballos presentaranse ao longo do ano 2013, entre outras actividades
27 dic 2012 . Actualizado a las 06:52 h.A Fundación Valle-Inclán aprobou onte o orzamento e as actividades para o vindeiro ano entre as cales se inclúe a edición do libro de Javier Serrano relacionado coa bibliografía do autor, no que colaborará a Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago.
No ano que empeza tamén vai presentarse o audiovisual Realidade e ficción en Romance do Lobos, coa colaboración da produtora Mr. Misto films e Lusco e Fusco producións. Varios expertos e persoas próximas á figura de Valle farán neste traballo un percorrido pola bisbarra do Salnés na procura da pegada do escritor.
Outros dos obxectivos fixados para o 2013 pasa por manter o calendario de actuacións da Escola de Teatro Valle Innova e levar as súas representacións ás catro provincias galegas así como seguir colaborando na publicación da revista Bradomín.
Na reunión de onte tamén se abordaron os preparativos da tradicional ofrenda floral ao escritor no cemiterio de Boisaca, o 5 de xaneiro.
O padroado aprobou ademais constituír un grupo de traballo para preparar o 150 aniversario do nacemento do escritor que terá lugar o ano 2016. «Esta data, senlleira para o valleinclanismo, xa centrou algunha xestión do membro da fundación José Juan Durán ante a Xunta de Galicia, para ir perfilando os proxecto a desenvolver», segundo explica o padroado.