Evitar a exclusión social

Noelia Romero

AROUSA

25 nov 2012 . Actualizado a las 06:56 h.

Unha das tarefas da Fundación Amigos de Galicia é a atención ás necesidades de vestimenta e calzado das persoas en situación de carencia de recursos económicos, principalmente daqueles rapaces, que por atoparse nunha idade de desenvolvemento físico, teñen maiores demandas neste eido. Fundación Amigos de Galicia dispón, dende 2009, dunha lavandería industrial para o pranchado e reciclado da roupa en bo estado.

Para poder dar cobertura a estas demandas, a entidade conta con doazóns en especie -roupa e calzado- de distintos concellos, escolas, asociacións e particulares, así como tamén empresas privadas, como Adolfo Domínguez e Florentino Cacheda. Destacar tamén aquelas empresas galegas do mundo textil, que azoutadas pola crise económica, teñen que cerrar as súas portas, doando á entidade os seus stocks. A atención a estas demandas contempla tamén a entrega de roupa nova para os rapaces de entre 12-20 anos, que por razóns de idade se atopan en risco de exclusión social, tratando de evitar coa entrega de roupa mercada pola entidade, a marxinación destes menores. Por outra banda, a roupa interior é, en todos os casos, nova.

No 2012 foron distribuídas 59.619 prendas, contribuíndo así a evitar que se produza a exclusión social das unidades familiares. Debido á demanda neste eido, a entidade desenvolve distintos cursos formativos, enfocados á capacitación de profesionais da reciclaxe das prendas textís. Subvencionados polo Servizo de Inclusión da Xunta, o último curso realizouse en Cambados.