O cómico actuará o luns en Barrantes na festa do sexto aniversario do Lareka
02 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.? A cafetería Lareka de Barrantes cumpre seis anos, e celébrao o luns cunha festa na que non faltarán gogós, estripers e cocteleiros acrobáticos. Pero o atrativo principal é a presenza de Isi, un dos cómicos máis populares da televisión galega.
-De novo en Barrantes. Vostede xa foi incluso pregoeiro da festa do tinto...
-Si, a verdade é que en Barrantes quérenme ben. E eu déixome querer encantado.
-¿De que falara o luns?
-Máis ou menos do que falo sempre. O meu non é o monólogo típico. A min gústame falar desas cousas curiosas que lles pasan á miña nai, a miña tía ou a min mesmo. Eu chámolles contos de taberna ou de lareira.
-Dende logo, por falar vostede non ten problema.
-¡Ai, eso non! Sempre digo que vou estar unha hora e acabo botando case dúas. ¡E mira que falo rápido!
-Vostede é un dos damnificados pola desaparición de «Land Rober»...
-Si, dame moita pena porque eramos líderes de audiencia e porque por primeira vez a Galega conectara coa xuventude. Pero sobre todo dame pena porque detrás dese programa había moitísima xente.
-¿Ten xa algún proxecto novo para substituilo?
-Estou preparando algunha cousa con Touriñán que creo que pode ir polo mesmo camiño. E, mentres tanto, sigo polas tardes en A Solaina e facendo os meus boliños.
-¿Non o tentou Roberto Vilar para o seu novo programa en Cuatro?
-Ai, non. A min déixame na terriña. Tería que poñerme moitos cartos enriba da mesa. Eu prefiro seguir aquí, traballando ben, que esa loucura de Madrid ou Barcelona. Ademais, o humor que eu fago é moi galego, moi da casa.
-¿Haberá segunda parte de «Star Tres»?
-É difícil porque ese era un espectáculo conxunto con Isabel Risco e con David Perdomo, que agora está en Madrid. Pero se non hai Star Tres II pode que haxa algunha outra cousa. Teño moitas ganas de traballar.