Coido que foi Helenio Herrera, mítico adestrador do Barça e o Inter, quen sostivera como principio futbolístico que quen xoga con dez faino mellor. Na Vilagarcía política, coma no balompé, o once é un número mítico, pois proporciona a maioría absoluta. Logo da renuncia de Rivera Mallo, Tomás Fole pode respirar tranquilo e repasar con calma os partidos daquel Barcelona dos 70. Ou, mellor, preparar os plenos sen a preocupación de que a oposición lle pase unha mala factura aritmética. Con dez o PP pode gañar todos os encontros co voto de calidade do propio alcalde. Así que o groso do asunto está feito. Outra cousa é que o rexedor poña a Cholo Dorgambide a correr a banda, non vaia ser que padeza unha contractura ao saltar ao terreo de xogo por falta de quecemento. Queda por saber que lugar vai ocupar o noso home no campo. E a quen lle toca mudar de posición.