Como asociación de empresarios estamos preocupados pola falta de espazo que afecta ao noso polígono. A ampliación non se acaba de executar e sería fundamental, porque daría vida a un dos polígonos mellor situados desta comarca en canto a comunicacións. O Pousadoiro non só está próximo á autoestrada, senón que tamén dispón de todos os servizos necesarios, dende gas ata liña de Internet de alta capacidade. O investimento máis costoso xa se fixo na primeira fase para conseguir estes equipamentos. Agora só sería preciso levar a cabo a explanación e urbanización dos terreos, e a apertura de viais. Que en Vilagarcía non quede un só metro cadrado libre é un grave problema. Non hai máis que comprobar o que está a pasar con Ardagh, a antiga Megasa. Isto está a cortar oportunidades de emprego e actividade. Outra das nosas peticións é que as dúas áreas sen uso do Pousadoiro se reparcelen en unidades de menor tamaño para axustarse á demanda real.