Como en tantas outras ocasións, o asunto do ferrocarril a Ferrazo é unha cuestión de equilibrios. Dalgún xeito, a Autoridade Portuaria leva anos tratando de corrixir o erro histórico que mudou para sempre a fachada marítima de Vilagarcía a golpe de recheos. Pero un Porto é o que é, i por moito que ceda espazos para parques e auditorios sempre precisará de instrumentos cos que facer negocio. O tren é un deles, e ninguén sensato discutiría a necesidade de que as súas vías cheguen a todos os peiraos se é que queremos que a capital arousá siga a xogar na división estatal. Que a liña transcorra entre Miguel Hernández e a TIR someterá inevitablemente á cidade a un novo esforzo, por moitas medidas de amortiguamento que se apliquen. Velaí a esixencia dun novo equilibrio entre as molestias aparelladas ao proxecto e as contrapartidas a recibir polos veciños. E iso hai que facelo ben. ¿Que solucionan catro carrís que se estrangularán á beira dunha gasolineira ademais de retar os temerarios ao volante?