«Malos tiempos para la lírica»

Xoán Mariño

AROUSA

09 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os tempos están mudando, predicaba o Dylan a mediados dos setenta. Andaba a cousa amolada na altura, no tempo onde a cultura se facía nas rúas, nos bares, en sitios dispares. Eran tempos onde había comuñón e sensación de cambio. Mais a cultura evolucionou como a sociedade, conseguindo fitos, melloras e soños cumpridos. Tanto que incluso pasou a ser intervida.

Entón xurdiu unha cultura empregada e vestida de agasallos institucionais, viña unha época dourada. Ao redor concellos e vilas con continentes elocuentes que confunden a cultura con edificios grandes, cheos de baleiro, moito dano fixo o Guggenheim co seu efecto. Non hai máis que ollar ao noso redor, e as vellas caixas de aforros facendo programacións culturais ou disque! beneficencia. Mais a pela é a pela e os recursos son escasos. Decatámonos agora que todo custa. A cultura dilúese como o azucre nun bo cortado, e a mudar os tempos trinta anos despois, unha nova reconversión. Toca voltar á base, as actividades participativas, á rondalla, ao coro. Mais isto nos tempos que corren xa non vale. A cultura actual está ligada a unha industria e terá que ser creativa, a cultura vai da/na man do Ipad; por moito que algúns non queiramos entendelo. Cultura vencellada á comunicación, ás tics, ao talento, ás ideas de xentes preparadas, que as hai, e témolas pertiño. É aí entran en xogo os recursos públicos para tirar e abrir camiño, facer pontes apoiando proxectos que xeren recursos e sexan sustentables; incluso que sexan negocio.

A cultura e un novo xeito de entender a vida

Ao meu entender Vilagarcía ten que subir a este tren, procurando e apoiando iniciativas que creen e xeren riqueza. Vencellando cultura a turismo, ao mar, ao viño, á bici, a un novo xeito de entender a vida. Reflexións alén se hai unha ou outra programación, nunha semana lutuosa para a cultura global e local. A perda de xentes como Jobs ou Silvoso na proximidade deixa ocos difíciles de reemprazar. Hai que seguir soñando como eles para mellorar a calidade de vida das persoas. Ser felices mentres no Spotify sona Malos tiempos para la lírica. Realmente, ¿cando foron bos?