Un proyecto de referencia

Anxo Queiruga

AROUSA

Quero que as miñas primeiras verbas sexan de recoñecemento a Deputación de Pontevedra, pola aposta decidida do Proxecto Pousadas. ¿Por que? Porque é un proxecto para todos. Non é exclusivo para persoas con discapacidade. Se fora así, dende COGAMI rexeitaríamolo.

O que non é menos certo é que nunha provincia cun atractivo turístico incuestionable o nivel de aloxamentos é totalmente inhóspito para persoas que temos mobilidade reducida. Así nolo teñen comunicado a COGAMI. Xa ten acontecido de organizar viaxes á comarca do Salnés, venderlle o aloxamento accesible , e cando chegaron ao hotel, arranxáronse como puideron para pasar esa noite e o día seguinte volveron para Castellón, porque o hotel de accesibilidade non tiña nin unha rampa de acceso acorde a normativa.

Onte mesmo atopábame en Madrid, nun Consello Estatal da Discapacidade. Un compañeiro, representante do País Vasco, que se despraza en cadeira de rodas comentoume que estivo veraneando no Grove e que a nivel de accesibilidade tivo moitísimas dificultades, xa que non hai nin un rebaixe nos pasos de peóns ben feito para poder cruzar a rúa. E respecto do aloxamento, con moitas dificultades, xa que accesible non hai nada. «Hai practicable». Non teño nada contra o Grove, pero recoñezo que isto é así.

Penso que proxectos como o das Pousadas teñen que servir de acicate para os empresarios do sector turístico, para emprender proxectos inclusivos onde se ten en conta a diversidade da sociedade. Non deberían esquecer que en Galicia un 10% da poboación ten unha discapacidade e só no Estado español, estamos próximos aos 4 millóns de persoas con discapacidades. Son potenciais consumidores destes servizos. Ademais teño a convición de que este proxecto vai contribuír ao desenvolvemento socioeconómico da comarca, e porque non, a creación de emprego tamén para persoas con discapacidade. Non teño dúbida de que vai ser un proxecto de referencia para o noso país.