Entre os puntos modificados nos estatutos da Asociación Liga Noroeste o 1 de decembro do 2010 figura a eliminación da norma que impedía que unha mesma persoa repetise no cargo de presidente un segundo ano. Un cambio que permitíu que o director técnico do Amegrove e membro da súa directiva, Diego Portela, seguise á fronte da ALN e, por ende, da Liga Galega de Traiñeiras. Se os estatutos en vigor son os do 2008, o posto de Portela podería ser impugnado, quedando no aire todos aqueles convenios e demais acordos asinados por el no nome da LGT. Claro que Outeda quixo deixar claro que ese non é o camiño que pretende seguir o C.R. Mecos. «Nós demos este paso non para facer dano, senón polo ben do noso club e do remo». Nesta liña, engade, «cremos que este asunto se pode resolver no seo da Liga».