Os Encontros enchen Carril de sabor a mar

vilagarcía / la voz

AROUSA

Despois das exposicións que se inauguraron durante os últimos días, hoxe comeza a despregar as súas velas o programa do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Carril. Os actos empezan desde ben cedo coa xornada técnica Turismo e embarcacións tradicionais. Un recurso a potenciar, que se desenvolverá no Consello do Mexillón.

Un obradoiro de radioaficionados e outro de carpintería serán a proposta para a mañá, mentres que a primeira hora da tarde comezarán a chegar as embarcacións ao porto carrilexo. Dentro da programación tamén se incluíu unha visita á illa de Cortegada.

Con todo, a inauguración oficial será ás sete da tarde, e está prevista a asistencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana. Despois, a festa das tradicións mariñeiras continuará con moita música e coa cea na taberna mariñeira.

Os Encontros finalizarán o domingo, pero ata entón os organizadores esperan reunir a máis de 20.000 persoas para conmemorar a súa décima edición, na que se celebran os vinte anos transcorridos desde que as asociacións galegas comezaron o seu labor de recuperación do patrimonio marítimo.

O certame carrilexo contará con máis de 160 protagonistas, un papel que asumen, como non pode ser doutro xeito, as embarcacións que xa foron chegando ao peirao da localidade vilagarciá nas últimas horas. Dornas, goletas, galeóns, racús, bateis, botes, e outras tipoloxías que sería moi longo enumerar engalanan estes días as augas de Carril, ás que chegaron desde toda Galicia, pero tamén desde outros lugares como o País Vasco, Andalucía, Cataluña, Portugal, Francia ou Irlanda.