Porviso acudirá á Festa da Malla por varios motivos; o primeiro, como é lóxico, pola magnífica celebración, que lembra un xeito de vida no que aínda se facían colectivamente, seguro que pola escaseza de medios, labores agrarias. Só por esto xa pagaría a pena. O segundo motivo dirá que é porque ten ganas de falar, rirse cos veciños, festexar. Escusas. Asistirá, por riba de todo, para parrafear ou o que faga falta, cunha moza. Seille o nome pero, por agora, non podo pólo aquí; el insiste en que non perderá esta ocasión e que, sexa como sexa, ten que quedar con ela. Anda, máis que obsesionado, angustiado, aflixido, por serlle casada. Como se ignorase que a vida é moi larga, matina que ten a súa última ocasión; ata dá a impresión, por momentos, de íreselle o alento. Contou que un día destes, mentres axudaba coma un mais na preparación do eirado da Festa, apareceu ela en bicicleta, cun sombreiro panamá e co pelo recollido. Achegouse onda el, preguntoulle, coma por cortesía, dun xeito neutro, educado, que que tal todo. «Incomprensible tanto disimulo», roncou, moi molesto. E, amolado, relatou que a penas puido balbucir que moi ben, que encantado cos compañeiros e co traballo e, pretendendo encetar unha conversa, que só balbuciu «¿E lo ti que tal?», pero ela, fuxidía, xa pasara de largo e, como que non o escoitara, púxose a leriar co encargado das sementeiras e preguntoulle, diante del, presumida, mentres, con moita risa, sacaba o chapeo e deixaba caer o pelo polos ombreiros, ¡se ían vir cesteiros de Mondariz!. E, de seguido, sen volver a carón del, nin tan sequera miralo, foise, fachendosa, pantalleira, Fonte do Cabalo arriba. Porviso, cego de celos, dirixiuse ao organizador para recordarlle que non había ninguén mellor cos de San Vicente no tecido con vimbios para cabazos, cestos, nazas, canastras, canizas, cancelas e mesmo barcos. Onte, un algo pesimista, vennos pedir que o día da Festa lle axudasemos a prender ó marido para poder aparecer en substancia del. E preguntámoslle «¿Estarás seguro de querer prendelo?». Calou un intre e contestou: «Ela pode notar a diferencia ou non; pero o home despois vaille contar que estivo preso e parva non é». Así que aquí andamos coa idea de que o home dela non apareza pola Festa da Malla. Un celestineo coma outro. A ver a onde o levamos.