O cómic tamén fala galego no Salnés

vilagarcía / la voz

AROUSA

03 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Mil catrocentos exemplares. Corenta e sete páxinas. Doce institutos. Trinta e seis rapaces e 31 historias. Número doce. Estes son os números que se agochan baixo a nova edición da revista de banda deseñada Enormic Banda, elaborada polos centros de Secundaria da bisbarra.

Pero os números son o menos importante neste caso. Porque o relevante nesta actividade é o traballo colectivo de doce institutos que, como lembraba onte Xabier Camba Sanmartín, da Coordinadora de equipos de dinamización lingüística do Salnés, lle dedicaron un trimestre a compoñer historias para este cómic. Algunhas forman parte da edición definitiva. Outras tiveron que quedar fóra. Pero a ningunha se lle pode restar o mérito do traballo.

Onte o salón de actos do instituto Armando Cotarelo, de Vilagarcía, encheuse de estudantes para asistir á presentación da revista. Xunto a eles estaba o autor do prólogo, Manuel Portas, un escritor e profesor en Santiago, quen lembrou que pasara boa parte da súa infancia a só 200 metros dese centro: «Isto era un monte e aquí tiñamos moitos os nosos primeiros amores», recoñeceulles aos alumnos do Cotarelo.

Portas gabou o traballo que se recolle no cómic e avanzou que é posible que entre os autores da revista haxa varios Miguel Anxo Prado, a quen definiu coma «un grande que segue facendo os seus cómics en galego», o que fai que sexa «diferente», recalcou.

O idioma

Dous dos profesores responsables do cómic, Xabier Camba e Fernando Arenaz, encargado da sección plástica, interviñeron no acto para destacar o labor dos rapaces. Camba para deixar claro que iniciativas coma esta constatan que «a relación co noso idioma non é tan conflitiva como algúns queren facer ver». Arenaz para recoñecer que «parece que no ADN dos nenos galegos está moi metida a cultura manga», dos debuxos nipóns, algo que non é de estrañar nuns rapaces que foron criados con Doraemon, Shin Chan e demais debuxos importados do Extremo Oriente.

O gran ausente de onte foi Uxío López, autor da portada desta nova edición do cómic. Onte non puido estar no acto de presentación, pero no seu lugar emitiuse un vídeo no que os rapaces puideron ver o proceso de composición dunha das súas exposicións pictóricas. Unha delas está precisamente a disposición do público de Vilagarcía agora mesmo. Trátase dunha colección de obras recompiladas baixo o título Inéditos no spaf de Mr. Misto en Vista Alegre, como ben lles lembrou Xabier Camba aos estudantes.

Os 1.400 exemplares editados da revista xa foron repartidos nos centros que forman parte do proxecto da coordinadora. A súa lectura descubrirá a Rihana e Lady Gaga a trompadas, permitirá gozar con historias de fantasmas, de amor, de beleza, con violinistas que tocan rock duro ou cos chistes que salpican a publicación. A pasalo ben e despois a esperar polo número trece.