C

oa campaña electoral a piques de comezar, hai un par de semanas, un dos alcaldes do Salnés que máis e mellor asegurado ten o seu bastón de mando reflexionaba cos xornalistas no recibidor do seu despacho. «Nos concellos do rural -razoaba o noso home mentres sinalaba catro señoras e un tipo con bigote que agardaban pacientemente ser atendidos- as cousas funcionan así; o contacto coa xente é directo e persoal, por iso vós por aquí non tedes moito que facer». A impecable conclusión non obedecía a arroutada ningunha; moi pola contra, era froito de anos de experiencia aos mandos dunha Administración local. A escena, efectivamente, facía pensar que en calquera intre sairían da alcaldía un interventor ou unha secretaria para preguntar quen viña por recetas. Un auténtico dispensario médico ao que o veciño acode cun problema de saúde burocrática e sae cun diagnóstico certeiro. Un remedio a beneficio da botica electoral en caso positivo, ou aqueladas palabras de acougo e unha palmadiña no lombo se o asunto non ten solución. Así é como funcionan as cousas en tantos lugares. Pero non pensen que o mecanismo é exclusivo dos municipios pequenos. Os habitantes das grandes orbes adoitan identificar o exercicio da democracia non coa consulta ao alcalde facultativo, senón co ritual de visitar a urna cada catro anos. No ínterin, os políticos electos poderán facer canto lles pete coa lexitimidade do voto desganadado e a indolencia coa que entre todos engordamos a besta.