A rexedora confía en que os votantes dos independentes volvan ao PP
11 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O sol de mediodía cae preguiceiro en Barrantes, entre os edificios que mudaron para sempre a fisionomía do núcleo central de Ribadumia, convertido xa no seu casco urbano. A alcaldesa, Salomé Peña, comenta que o ambiente desta campaña está lonxe da intensidade de anteriores citas electorais.
-Se cadra é cuestión da desaparición dos independentes. ¿É para vostede un alivio?
-Un alivio non. Eu entendo que esta formación decida deixalo. Presentouse nas dúas eleccións anteriores porque pensaba ter opcións de gañar. Xa comprobaron que as súas posibilidades eran mínimas, porque co aval da xestión de todos estes anos ao noso favor terían realmente pouco que facer. Así que é lóxico que non se presenten.
-¿Que vai pasar cos seus votantes? ¿Volverán ao PP?
-Eu dende logo invito os seus votantes e ábrolles as portas, porque hai que recoñecer que moitos deles eran votantes do PP de toda a vida.
-Coincidiu con Nené Barral dous anos, sendo el alcalde e vostede concelleira, ambos polo PP. ¿Que lembra daquel tempo?
-Foron, efectivamente, dous anos nos que estiven traballando con eles. Eu levaba unha concellería liberada, con deportes e servizos sociais, e tampouco tiña contacto diariamente con el. Nené Barral é unha persoa con moito carácter, unha persoa moi difícil á hora de traballar con el. En canto á súa xestión, non teño nada que dicir.
-Debeu de ser difícil enfrontarse con el. Nené Barral case tivo a alcaldía nas mans...
-Aquela fora unha campaña moi intensa, cunha enorme porcentaxe de participación. As do 2003 foron as eleccións máis duras. Eu acababa de chegar e competía cunha persoa que levaba 16 anos gobernando, moi coñecida en Ribadumia. Pasado ese momento todo foi mellor.
-Non son moitas as mulleres con poder municipal. Hai, mesmo, quen a critica e di que o verdadeiro alcalde é Rafael Louzán. ¿Que opina disto?
-É certo que a muller se está introducindo en política cada vez máis. Pero non é menos certo que estamos aínda lonxe do que debería ser. As mulleres deben estar, pero por preparación e capacidade, non por cumprir porcentaxe ningunha. En canto a eses comentarios sobre Rafael fanse dende o descoñecemento. Para min é un orgullo levar como número dous ao presidente da Deputación, un home traballador, eficaz e comprometido coa comarca e con toda a provincia. Os meus comezos foron difíciles, insisto en que competía cun home con 16 anos de traxectoria na alcaldía. Entra unha muller, e aínda por riba nova. Tiven que traballar moito para gañar a confianza da xente. Estou afeita a ese tipo de comentarios e non me quitan o sono.
-Ribadumia medrou moito, pero ¿non existe un certo perigo de perda de identidade? A carballeira de Barrantes case non ten carballos...
-Discrepo. Nós tratamos de conservar o noso patrimonio, tanto as zonas verdes como as de ocio, a ruta da pedra e a auga, os muíños, os nosos lavadoiros, as fontes. Ribadumia caracterízase por ese río Umia, ese paseo fluvial de Barrantes e Ribadumia. A nosa pretensión é amplialo ata Pontearnelas. Todo o que se fai, independentemente de que se siga construíndo, é conservar esa identidade.
-¿De que se sente máis orgullosa logo destes anos?
-Creo que do fomento dos servizos sociais. A escola infantil, o fogar dos maiores. Conseguir que a xente poida conciliar a vida laboral e familiar. Numerosos servizos que facilitan a vida dos veciños. As boas comunicacións son tamén importantes. Conseguimos que Ribadumia sexa un modelo de residencia.
-¿Pode sosterse este modelo sen a Deputación? É outra das críticas que recibe o Concello.
-Veñen tempos complicados. Temos que fomentar o emprego. E trataremos de levar a cabo un centro de lecer no casco urbano de Barrantes. Pero o importante vai ser manter todos os servizos e as infraestruturas, e seguir dotándoos de contidos. Quero transmitir tranquilidade aos veciños, porque o noso esforzo vai estar aí. En Ribadumia fixéronse cousas con fondos da Deputación, pero tamén da Xunta e de Europa. E todo canto se fai é porque se vai poder manter o día de mañá.
-O candidato do PSOE di que en Ribadumia hai medo e presións.
-Non me gusta perder o tempo con acusacións infundadas. Xa me gustaría que ese señor dixese quen recibiu presións, que membro do seu partido e por que. Invito ao señor Pereira a que o denuncie. A nós aválannos os feitos, non precisamos presionar a ninguén. Do PSOE non sabemos nin se ten proxecto. Malamente van conseguir representación con mentiras.
salomé peña alcaldesa de ribadumia e candidata á reelección polo partido popular
María Salomé Peña Muñiz
6 de agosto de 1974, en Sisán
Licenciada en Ciencias Químicas
Casada, ten dúas fillas
Concelleira por primeira vez en 1999, a renuncia de Nené Barral levouna á alcaldía no 2001. Candidata dende o 2003, é a terceira vez que encabeza a lista do Partido Popular en Ribadumia