«O BNG apoiou o PSOE, pero nos meteron puñaladas»

Xurxo Melchor
xurxo melchor VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O nacionalista cre que o urbanismo foi o maior erro cometido na Illa

30 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Carlos Otero repite como número un da lista do BNG na Illa de Arousa.

-¿Que lle pasa ao BNG na Illa, un pobo tan guerrilleiro e non pasan vostedes dun concelleiro?

-Na Illa pasa o que pasa en xeral en Galicia. Hai un bipartidismo asentado PP-PSOE, pero pouco a pouco conseguiremos revertelo. Nós temos unha traxectoria ascendente e temos que confiar en que a xente deixará de apoiar os de agora, porque non son de fiar.

-Parece que se levan mellor co PP que co PSOE. ¿É así?

-Analicemos a situación desde a segregación ata o de agora. Hai doce anos, o PP foi a lista máis votada na Illa pero non acadou a maioría absoluta. O BNG apoiou o PSOE para que gobernase en solitario, sen entrar. Chegamos a acordos en materias puntuais a cambio dese apoio, pero eles non cumprían as nosas demandas e nos meteron moitas puñaladas. O PSOE parece ter na cabeza que o BNG é o seu inimigo porque compartimos parte do electorado. Víuse en Vigo, en Pontevedra ou no Grove.

-Se o PSOE perde a maioría absoluta, ¿entrarán no goberno con eles?

-Isto xa mo preguntaron hai catro anos e dixen o mesmo. O que nos queira votar, que nos vote, pero falar agora de pactos é o conto da leiteira, porque ¿que pasa se o día 22 non saen as cousas como se pensa? Nós queremos ter a maior forza posible para implementar as nosas políticas no Concello.

-¿E co PP?

-O PSOE dá moitas puñaladas, pero co PP non hai afinidade política. Co PP é posible dialogar, pero non nos gusta a súa política.

-¿Cal é a súa quiniela?

-Non fago quinielas. Da outra vez tería dito 5-5-1 e non foi así. O que si me gustaría é que se perdan as maiorías absolutas, porque iso obriga a todo o mundo a dialogar e a negociar.

-¿Que sería o primeiro que faría como alcalde?

-Buf. Unhas bases de contratación abertas e igualitarias onde ninguén tivera un ápice de vantaxe sobre os demais. Non debe de ser tan difícil. E despois, un completo replantexamento do urbanismo. Para que o Concello poida aproveitar o interese de construír no noso Concello para adquirir terreos nos que no futuro poidamos ter equipamentos para todos.

Carlos Otero Chaves

30 de novembro de 1968, na Illa

Bateeiro

Solteiro