Vampiros

Serxio González N

AROUSA

25 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

in catro días duraron as balizas instaladas no monte Xiabre para sinalar as tres rotas de sendeirismo coas que Ravella trata de poñer en valor un espazo tan extraordinaria coma constantemente castigado. Máis aló dunha fabulosa capacidade para a desfeita do colectivo, que tampouco sería descartable, non se me ocorren moitos máis usos que lle dar a medio cento de estacas de madeira pintadas de amarelo, verde e vermello. Facer brasa para o churrasco sería unha delas, e non a peor. Pero resultaría máis doado apañar calquera póla dos contados piñeiros que sobreviven pola zona que baixar o lombo arrincando tochos de pau ben fincados no chan. O armadanzas típico do país pode ser moitas cousas, mais non, dende logo, traballador en exceso. Ademais, o verniz cheira que confunde ao arder e dálle mal sabor á carne. Poderían empregarse alternativamente para lles cinchar as patas aos sufridos cabalos que por alí pacen. Claro que algo así cantaría demasiado. Logo, por descarte, só restaría unha posibilidade: a necesidade imperiosa de facer fronte a unha invasión de vampiros sedentos de sangue. Sabemos, pola moita cinematografía existente ao respecto, que non hai nada mellor ca un bo fungueirazo de rexa madeira no peito para rematar cos non mortos. E, metidos xa en allada, tamén cos moi vivos. Vivísimos fulanos que tiran do teto público coma Nosferatu do pescozo da súa churri. Se é así, nin se molesten. Non hai estacas abondo no Xiabre para dar conta de tanto listo.