Comadres, o entroido xa chegou a Arousa

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A fin de semana énchese de actos, entre os que destacan as comparsas do Grove

05 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Xa ninguén está a salvo de Don Carnal. O entroido deste ano quedou bautizada o xoves, cando os compadres e as comadres tomaron as rúas do Grove para pasar unha noite de troula. Armados cunha boa dose de humor, uns e outras escenificaron unha guerra na que os exércitos estiveron formados por guerreiras mitolóxicas, animais, azafatas, punkis e unha boa representación do clero máis irreverente. Este ano, as mulleres foron tantas que houbo que reservar dous restaurantes para que todas elas puideran cear. Eles non quixeron ser menos, e tamén houbo dous locais reservados para os compadres. Din os rumores que os comensais escollían un ou outro dependendo, principalmente, da súa cor política.

Os colexios

Onte o día foi dos centros educativos. Profesores e alumnos olvidaron por un tempo as leccións e os libros para meterse na pel de todo tipo de personaxes. Houbo piratas e vikingos, houbo pintores e paiasos. Choqueiros tamén se viron, igual que vaqueiros, princesas e fadas, mariñeiros de branco e azul, e unha ampla gama de animais -salvaxes coma os leóns, domésticos como os porquiños-. Nalgúns casos, os disfraces non saíron do recinto escolar. Noutros moitos -foi o caso do Piñeiriño, en Vilagarcía, ou dos nenos da gardería de Cambados- o colorido inundou ás rúas máis próximas aos centros, enchéndoas de vida e animación. Pola tarde, no Grove e en Vilanova volveu haber actos para os cativos: os mecos desfilaron e os vilanoveses bailaron a reo no pavillón de deportes.

Pero non todo foron cativos. Tamén onte, a asociación de empresarios da Illa repartiu entre os seus asociados bandexas con rosquillas de entroido. ¿Quen deu conta deses manxares? Pois os clientes que se achegan a facer as súas compras ao comercio local.

O Grove volverá ser hoxe o epicentro do entroido arousán. Desta volta, o protagonismo será para as comparsas: dez grupos participarán no festival que arrincará as nove da noite no pavillón de deportes, nove dispostas a pelexar pola prezada bandeira do entroido do Grove 2011, e os 1.110 euros de premio, Os Firrás, sen máis ánimo que disfrutar e facer disfrutar.