As actuacións comezan mañá sábado co grupo escénico Os Carballiños, que fará a súa representación no auditorio
25 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Variedade é o atributo que os responsables do Concello da Illa lle quixeron imprimir á programación cultural que deseñaron para o primeiro semestre do ano, un feixe de actos que comezarán mañá mesmo cunha representación teatral a cargo do grupo Os Carballiños. O alcalde Manuel Vázquez e o teniente de alcalde, Juan Otero, foron onte os encargados de debullar as propostas.
Precisamente o teatro será un dos protagonistas nas fins de semana da Illa, xunto á música e aos bailes. Será esta última disciplina a que centre as actividades o día 5 de marzo, cunha exhibición do Club de baile de salón da Illa, cuxa cabeza visible é Jordi Otero.
Para a fin de semana do 26 e do 27 de marzo programouse un festival ao que se lle dou o nome de En vivo e en butaca. Actuarán o grupo Bright e Tony Lomba. E máis música para o 2 de abril, neste caso ritmos arxentinos que chegan da man do músico afincado en Vilagarcía Juan Carlos Cambas, quen interpretará unha boa selección de tangos.
Coro Liceo
Pero o mes de abril estará dedicado fundamentalmente á música coral. O día 9 achegarase ata A Illa o Coro Liceo de Vilagarcía, que interpretará unha zarzuela, un xénero co que a agrupación vilagarciá sempre colleita clamorosos éxitos. O 29 dese mesmo mes de abril actuará a coral veciña de Vilanova, e o 30, a de Vilaxoán.
Pero antes este festival de corais interromperase para darlle paso ao teatro, neste caso o da asociación Dorna. O colectivo arousán programou para o día 16 de abril a representación da obra Os vellos non deben namorarse, unha proposta coa que tratarán de recadar fondos para o seu funcionamento.
Un festival de teatro os días 6, 7 e 8 de maio, no que actuará, entre outros grupos da comarca, a aula municipal da Illa, cerrará os actos deste primeiro semestre do ano. Despois desas datas o auditorio estará reservado por uns días para unha actividade ben diferente, posto que é un dos espazos que se poñen a disposición da xunta electoral por se algún partido o precisa para os seus actos de campaña. Non hai que esquecer que o día 22 dese mes se celebrarán as eleccións municipais.
A programación cultural foi elaborada polo Concello coa colaboración da Deputación de Pontevedra. Tamén axuda Novacaixagalicia, aínda que polo momento está por decidir de que maneira a causa do proceso de cambios da entidade.
En canto ás cuestións organizativas, todas as actuacións están previstas para as nove da noite. As entradas custan tres euros, salvo para o ciclo En vivo e en butaca, para o que o prezo será de catro euros, e o teatro de Dorna, aínda por confirmar. Os tiques pódense mercar xa a través de www.servinova.es ou no teléfono 902 504 500.