A agrupación municipal do Partido Socialista de Vilagarcía de Arousa quere manifestar a súa máis profunda repulsa fronte as actitudes violentas e descontroladas sufridas polo periodista Serxio González, de La Voz de Galicia, nas últimas datas. Baixo ningún concepto é aceptable a utilización de formas agresivas, frontistas e despectivas cara ningunha persoa por calquera motivo de identidade ou expresión distintas das de cada un.
Os socialistas, por encima das visións partidistas e cortopracistas, consideramos irrenunciable unha sociedade libre e plural. Dende o inicio da nosa historia como partido político os nosos militantes teñen dado todo, e moitos deles a súa vida, para que hoxe vivamos en liberdade e en democracia. Para iso, para a constitución da convivencia regulada e formalizada democraticamente, o dereito á información que o periodismo garante é un ben prezado que merece toda a protección e que dá a todos os cidadáns a oportunidade de ter opinións e ideas propias. O Partido Socialista ambiciona un periodismo profesionalizado, con rigor, dende a ética e coa dignidade e a independencia para poder contar a verdade, pois ésta será sempre o único camiño correcto.
Non cabe, para nós, entender que o periodismo está ao servizo de intereses que pretenden utilizalo tendenciosamente, e de haber alguén que así o considerase, non estaría á altura ética que a súa profesión merece. Sempre temos considerado que a redacción de La Voz de Galicia na que Serxio González desenvolve o seu traballo, e de xeito especial el mesmo, son exemplos dun comportamento irreprochable e exemplar no exercicio da súa labor. Quen conciba o dereito á información doutra maneira que non sexa ésta, non ten cabida nin no Partido Socialista nin na sociedade de hoxe en día na que vivimos.
Atentar contra aqueles que teñen opinións distintas da de un mesmo, e tentar de coartar a liberdade de expresión dá a medida, unicamente, de quen o fai. A estreitura de miras e a incapacidade para mirar por outros ollos que non sexan os propios é un mal síntoma contra o que todos os cidadáns debemos loitar.