O Control Galego de Inverno levantou o pasado sábado no encoro pontevedrés de Verducido o telón da tempada de piragüismo 2011. Unha campaña que en todo caso agardará ao Campionato Galego de Inverno, o vindeiro día 26, para entrar de cheo nun curso deportivo marcado pola súa condición de preolímpico, cos Xogos de Londres 2012 á volta da esquina.
O As Torres-Romaría Vikinga volta perfilarse un ano máis como club referente no Baixo Ulla e no Salnés. O equipo catoirense rematou segundo no Control Galego de Inverno con 2.641 puntos, 173 por debaixo do gañador, o Kayak Tudense, e con máis do dobre de vantaxe respecto a un Breogán do Grove que finalizou terceiro con 1.302.
A nivel individual, o conxunto meco foi o único da zona que puido presumir de triunfo. O que asinou unha das perlas da súa canteira, Tania Álvarez, gañadora da final de Dama Xuvenil K-1 cun tempo de 24 minutos, 5 segundos e 100 centésimas, 1,21 segundos menos que Gabriela Tenreiro, do Rodeira de Cangas. A distancia, común a todas as categorías, foi de 5.000 metros.
Tamén gañou a súa proba, a Sénior C-1, o grovense do Firrete Tono Campos, nunha final na que Diego Romero, das Torres, finalizou terceiro a 8,54 segundos con Manuel Garrido, do Tudense, segundo a 1,44 do gañador.
Manuel García, do Breogán, e Brais Martínez, das Torres, foron prata en Cadete C-1 e Xuvenil C-1, respectivamente. Asinaron ademais o bronce Jacobo Gómez (Cadete K-1) e Isabel Piñeiro (Dama Cadete K-1), das Torres, e José Ramón Estévez (Xuvenil K-1), do Náutico Pontecesures.