A solución máis doada

AROUSA

A este ritmo, os cinco meses de mandato que restan en Vilagarcía van constituír un Calvario para o bipartito. Certo é que, grazas á acertada escolla estética dos nosos munícipes en materia de mobiliario urbano, este particular via crucis pode transcorrer sen ningún problema ao longo da rúa Rey Daviña. Será por iso que os protagonistas centrais destes tres anos e medio de xestión resisten na súa cadeira inamovible. Será que agardan a Semana Santa para darlle o seu pleno sentido ao que aquí está a acontecer. Ou moito muda o panorama, ou as semanas que faltan ata as eleccións van ofrecer múltiples ocasións de que a tensión -entre o propio grupo socialista, entre o PSOE e o BNG, e por fin entre o goberno e a oposición- siga a medrar sen freo. Con cada paso que se dea nesta dirección aumentará o risco de que alguén diga ou faga algo que xa non teña remedio, e todo estoupe coa conseguinte factura electoral para socialistas e nacionalistas, probablemente tamén para o conxunto da denominada esquerda. Non fai falla ser un lúcido pensador para reparar na solución que menos feridas abriría, respectuosa ademais para o novo candidato. Pero, claro, comeza por D e semella moi difícil de pronunciar.