Santa Catarina

X. A. Ochoa

AROUSA

En Sálvora, indo contra as sete casas da aldea, queda a fonte de Santa Catarina, a carón da gruta da Telleira, que ten un túnel que vai por baixo das Gralleiras, con moita reviravolta, á furna de Salvareiros, unha das saídas do inferno, por onde lle foxen as almas ao demo para andaren ceibas polo mundo. Fiz de Cotobelo liscouse por alí e, como esta porta daba ao poñente, tiña a manía de querer ir a Cuba e así o contou Fernández Flórez. Chámanlle fonte de Santa Catarina porque esta santa parou aquí para comprobar unha teima: se a caverna de Salvareiros era algunha das tres portas do averno.

Estando na illa a fuxir duns xenoveses que tiñan liorta con algún dos seus 24 irmáns, meteuse por Salvareiros e, pola mina, como era santa, non foi dar ó inferno senón que saíu a carón do manancial da Telleira e puido zafarse dos perseguidores mercé a Porviso que a transportou a San Vicente, con moito noxo da moza polo tufo a xofre do congro. Alguén gravou inscricións na fonte, en pedras traídas dalgún pazo, cun dato errado e outro verdadeiro; o inexacto é a data, que pon MDCXII para conmemorala estancia da santa, sen ter en conta que foi no Entroido de 1370; o certeiro é que a auga que nace alí dá vida e saúde, porque aínda tendo distinto sabor cos da Toxa e o Santo, os tres mananciais veñen dun cano que pasa a rente do inferno e conteñen propiedades relacionadas coa inmortalidade e aí está que Porviso bebe neles. Cando os Mariño mandaban moito, ordenáranlle ó arcebispo de Santiago dispor unha embaixada á Santa Sede para traelo corpo da Santa.

O Pontífice, por medo aos donos da illa, acordou esgazala defunta e repartila por Italia: a maior parte en Roma, o cranio en Siena e un pé en Venecia. Non sabía que Catarina, obrigada con Porviso, regaláralle unha guedella e hoxe a veneran os iniciados na Punta dos Bois, onde a recollera o congro, bebendo por devoto e noite tres cuartillos de licor de herba da Nosa Señora, (Artemisia absenthium). Quedan coma piollos ou aboiándolle as panas, que tamén se di.