Branco e en taza

AROUSA

Son unha desas realizacións materiais nas que cristaliza o espírito dun pobo. Non se confundan, que non estamos a escribir aquí de bandeiras nin himnos. Tampouco dos cinco mil gaiteiros de don Manuel. O conto vén pola deleiba das tazas. En tempos, calquera identificaba un galego polo seu peculiar xeito de beber o viño nuns estraños artefactos de louza branca que puñan a proba os pulsos máis firmes. Abondaba con que a man tremelicase un segundo para botar media chiquita pola barra adiante. Así era como, nos mostradores de mármore, tamén en perigo de extinción, un podía chapuzar alegremente entre pozas de ribeiro. Aptas para todos os petos, as cuncas permitían aos rapaces, eses que hoxe tiran de botellón, irse desbravando nos lances de taberna. O primeiro golpe veu da man dos tipos que deron en pedir «un joven». A partir de aí, caída sen parada. As copas, preñadas tipo globo ou finamente estilizadas, foron merendando as tazas coma o cangrexo americano rillou no pinzudo do país. É certo que o viño mimado pide vidro e aire. Pero non hai coma unha taza para degustar o zume de pipote. Aínda que en Vilagarcía morreron o vello Xesteira e O Pernil, a cunca sobrebebe na Perla ou nos Arcos.