Acaba de rematar un filme sobre os nenos de Madrid na Guerra Civil. Agora, o obxectivo de Caeiro volta a Arousa
02 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Coñecido en Vilagarcía polo seu labor no Faiado da Memoria, Antonio Caeiro (Gondomar, 1960) non descoida a rodaxe de documentais. Ou o traballo coa imaxe, como lle gusta definir o seu labor. Ten dous funcionando e prepara xa un terceiro e mesmo un cuarto.
-Dous traballos a un tempo. Non está mal.
-Non, non está. O primeiro chámase El ruido y el silencio , estreámolo o outro día en Andorra, Teruel, non confundirse. A idea parte da celebración da Semana Santa aló. Todo o pobo sae á rúa a tocar os tambores. Un gran contraste coa idea nosa de aquí, máis silenciosa. A xente vai dando as razóns da súa participación na celebración, porque moitos non son nin sequera relixiosos, máis ben todo o contrario. Estivemos con el tamén en Cineuropa.
-¿E o segundo?
-O outro documental titúlase Arde Madrid . Loxicamente tamén está rodado en castelán, porque aló aínda non aprenderon a falar en galego. É unha escolma de material recollido ao longo de cinco anos, dende o 2005 ata agora. Trata sobre aqueles nenos que viviron en Madrid durante a Guerra Civil, una cidade sitiada, os bombardeos, a fame, todas aquelas sensacións narradas por distintas persoas.
-Limítase, entón, ao período da guerra.
-Non exactamente. A historia comeza no 36, si, pero non remata ata finais do 39 porque queriamos incluír a entrada dos nacionais. Entre outros está Haro Tecglen na que foi unha das súas últimas entrevistas, xa que finou poucos meses despois. A idea nosa é estrealo en Madrid o ano que vén, e proxectalo en Vilagarcía o 14 de abril.
-¿E agora?
-Estamos rematando un terceiro, A volta dos nove , a historia dunha vinganza que aconteceu en Baiona. O 15 de outubro de 1936 asasinaron a nove persoas en vinganza pola morte dun falanxista. Dende entón, e ata ben entrados os anos 80, cada día alguén marcaba nove cruces naquel lugar. A Garda Civil borrábaas, pero sempre volvían.
-¿Que hai de Vilagarcía?
-Estamos preparando un traballo, o primeiro producido por Nova Comunicación e subvencionado pola Xunta. Conta con Vilagarcía como eixo central e unha cadeira como fío condutor das historias. Non digo máis.