Enteradillos

AROUSA

Por enésima vez alguén con elevadas responsabilidades en cuestións públicas anda a difundir polas esquinas a idea de que Vilagarcía é unha vila de pailáns, en absoluto preparada para unha xestión de campanillas sen nome coma a que se ten proposto, con éxito máis ben discreto, de tres anos a esta parte. O descrédito xeral de moitas das ocorrencias emanadas de tan sobranceiros miolos non sería, polo tanto, imputable á súa feroz e teimosa miopía. Tampouco a unha incapacidade poucas veces vista para o diálogo e a negociación. Moi pola contra, o rexeitamento que suscitan entre a cidadanía tamañas excelencias procedería, exclusivamente, da estupidez imbatible dun pobo atrasado, incapaz de recoñecer o resplandor que tenta alumear o seu futuro. Que sorte temos os que aquí habitamos de contar con estes incomprendidos Prometeos contemporáneos. Que imbéciles somos ao comparar a intensidade do lume redentor que nos achegan coa potencia máis ben escasa das esfameadas farolas de Rey Daviña. Que inxustos ao medir o seu delicado gusto estético por ese mobiliario máis propio dun paseo fluvial que dunha rúa, por anegable que sexa o seu empedrado. Será que non valemos para nada, chico.