Mareando as ameixas


Fala un vello conto dun tipo que, de tanto ollar ao lonxe, descoidou o que tiña diante dos fociños para acabar tropezando coa pedra máis pequena do camiño. Algo semellante ao mareante asunto da Festa da Ameixa. No canto de centrarnos no básico e fundamental, andamos a debater sobre o carácter autonómico, estatal ou galáctico da cita gastronómica. Mentres pasamos o rato entre divertimentos desta pelaxe, a ría a medio sanear e moitos mariñeiros, que deberían ser os máis interesados no seu coidado, seguen botando o aceite vello dos motores das súas gamelas á auga. Non é xa que ninguén pareza preocuparse por potenciar as variedades autóctonas de ameixa fina e babosa en troques de fialo todo ao camiño máis doado da xapónica. É que nin sequera a confraría tivo o bo tino de preparar racións abondo este verán para responder con garantías a un evento ao que se lle supón tan elevado nivel de calidade. As ameixas esgotáronse ás dúas da tarde daquel domingo, deixando ducias de comensais con caras de parvo. Carril baleirouse en tres patadas. Con esta pachorra, como se vén a mesmísima Pajín a proclamar a categoría de acontecemento planetario da paparota. Un pouco de seriedade, que vai sendo hora.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

Mareando as ameixas