A alcaldesa de Cesures presentará unha querela criminal contra o grupo municipal do BNG

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

16 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Xulgado de Caldas de Reis será finalmente o encargado de dirimir o contencioso aberto entre a alcaldesa de Pontecesures, Maribel Castro, e o grupo municipal do BNG a raíz da publicación o pasado mes de maio no boletín da formación nacionalista dunha acusación pública contra a rexedora polo suposto emprego de cartos públicos para o amaño da súa vivenda particular. Concretamente, de parte dos recursos da actuación de acondicionamento e de rexeneración ambiental da contorna do regato da Chancela, financiado, executado e fiscalizado integramente pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Fracasado o acto de conciliación celebrado onte no xulgado de paz do concello cesureño, a rexedora anunciou a inminente presentación dunha querela criminal por inxurias e calumnias contra os integrantes do grupo municipal do BNG no momento da publicación do mencionado boletín. Luis Álvarez Angueira, Margarita García, Cecilia Tarela, Arturo Ferro e Xosé Antonio Baliñas, este último xa fóra da corporación local. Os cinco estaban onte citados ás nove e media da mañá xunto con Maribel Castro, coa que se atoparon xa na casa consistorial, na que se encontra a oficina do xulgado de paz. As dúas partes falaron a través dos seus respectivos avogados. O letrado do BNG, Gonzalo Enrique Castro, rexeitou a oportunidade de acceder á rectificación solicitada pola alcaldesa na publicación nacionalista a cambio de paralizar o procedemento xudicial, en tanto «non se teñen cometido as inxurias e calumnias que se lles imputan» aos seus representados. Así as cousas, o xuíz de paz estimou que «no hay posibilidad de acercamiento entre las dos posturas». Finalizado o acto de conciliación, o avogado do Bloque manifestou que «o que se dixo no boletín é absolutamente certo», engadindo que «desde o BNG consideramos inaceptable o uso de diñeiro público para amañar vivendas privadas», ao tempo que «lamentamos que se destinen recursos públicos do propio Concello, a súa asesoría xurídica, pola alcaldesa para defender os seus asuntos persoais». Sobre este último punto, a aludida subliñou que «a quen denunciaron foi á alcaldesa, non a Maribel Castro. Se me denunciaran a min a nivel particular, outra cousa sería».