O auditorio de Vilagarcía programa o vindeiro mércores dúas pezas: «Cavallería rusticana» e «La vida breve»
21 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O auditorio de Vilagarcía ofrece o mércores que vén unha programación de altura vencellada ao bel canto . Trátase de dúas pezas de ópera, Cavallería rusticana , de Pietro Mascagni, e La vida breve , de Manuel de Falla, que chegan á capital arousá da man da colaboración que manteñen a concellería de Cultura e Caixanova.
Trátase de dúas breves óperas, de pouco máis dunha hora de duración cada unha, polo que é posible representalas nunha mesma sesión que se achegará ás tres horas de espectáculo. A función conta, ademais, co atractivo de non seren estas pezas habituais nas programacións dos teatros e salas especializadas. Unha delas, La vida breve, conta coa participación co Ballet Español de Murcio. As dúas terán o acompañamento musical dende o foso da orquestra sinfónica de Pleven. Cavellería rusticana é obra do compositor Pietro Mascagni. Foi representada por vez primeira en 1890, no teatro Constanzi de Roma. O libreto débese a Giovanni Targioni-Tozzeti e Guido Menasci, e está baseado nun relato do novelista Giovanni Verga. Foi a primeira e única ópera de renome composta polo autor italiano, descansando nela practicamente toda a súa vixencia e sona. O seu éxito, clamoroso, constituíu un episodio que marca un fito na historia operística, xa que Mascagni recibiu nada menos que sesenta ovacións ao rematar a representación.
A ópera sitúase nunha vila de Sicilia durante o día de Pascua, a finais do século XIX. A súa fonte literaria está escrita baixo os patróns do naturalismo francés, con moitos elementos de violencia, chegando á máis salvaxe crueza na morte de Tiruddu, o personaxe principal. Os libretistas minguaron en parte este carácter violento e ata grotesco do personaxe, facendo que o enfrontamento a coitelos co que culmina a historia tivese lugar fóra de escena.
Polo que respecta a La vida breve , trátase dunha obra poderosa e espontánea que desborda paixón, diferentes ambientes e a intensidade que desprende Andalucía. a acción céntrase no personaxe de Salud, mentres os outros serven para acentuar a transición da protagonista do optimismo xuvenil á traizón e á morte.
Falla compuxo a peza en 1905 para un concurso da Real Academia de Bellas Artes de Madrid, mentres se preparaba para unha competencia de piano. Obtivo o primeiro premio nos dous certames. Dende ese momento, a ópera sufriu diversas reformas. Non podendo atopar teatro para a súa representación en España, a estrea realizouse en Francia en 1913, e o 30 de decembro dese mesmo ano chegou con moito éxito ao teatro nacional da Ópera-Comique de París. Non se puxo en escena en Madrid ata o 14 de novembro de 1914. O libreto, baseado nun poema de Fernández Shaw, foi convertido polo mesmo autor a petición de Falla. O personaxe principal amósase, con agarimo, coma a imaxe da muller española no canto de Carme.