O técnico cangués defende que o éxito na carreira polo ascenso pasa por xuntar un plantel implicado ao cento por cento. El, di, teno
25 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Protagonista de dúas excelentes campañas no Cruceiro do Hío, cun quinto e cun terceiro postos ligueiros, e grande artífice do ascenso exprés do Portonovo a pasada primavera coma campión da Preferente Sur, o cangués José María Rial foi este verán a aposta da directiva do Céltiga para retornar á Terceira. No Salvador Otero agardan de Rial que repita o seu éxito no Baltar. O técnico asume abertamente o reto.
-O Céltiga cambia de categoría, estrea adestrador, modifica máis da metade do seu plantel, e por riba sofre unha praga de lesións en plena pretempada. ¿Demasiados trocos e desgrazas para que o equipo comece a Liga enchufado?
-A verdade é que estamos moi contentos coa pretempada que fixemos. O equipo funcionou ben. Mesmo semellaba que demasiado ben. Estábase adaptando moi ben aos cambios, traballando con intensidade. E chegou o partido co Pontellas, coas baixas de dous homes -César Loureiro e Nacho- que son moi importantes para nós polo carácter que lle proporcionan ao equipo. Pero nós contamos con 22 xogadores, e sabemos que estas cousas poden pasar. Agora, á metade da tempada ou ao final. Por iso, temos que manter a ilusión coa que comezamos. Queda moito tempo e traballo por diante, e debemos demostrar que somos un plantel competitivo.
-O partido de Copa Deputación custoulles o sábado tres baixas, unha delas para cando menos media tempada. ¿Que pasou no campo do Pontellas?
-Xa sabiamos que nos iamos atopar cun rival que ía xogar ao límite. E cando un árbitro permite ir máis aló do límite, pasa o que pasa. Quitando o caso de César -ten para entre catro e cinco meses de baixa por rotura de tibia e peroné-, que se lesionou por un choque fortuito cun compañeiro, o resto foron entradas duras. E curiosamente, nós levamos os golpes, as lesións e mais as tarxetas por protestar. O Pontellas xogou ao límite, pero iso non é culpa súa, senón de quen llo permitíu.
-Con César no dique seco catro ou cinco meses, ¿pedíulle á directiva novas fichaxes?
-Onte -polo luns- tivemos unha reunión ata bastante tarde e valoramos a situación. De momento é demasiado pronto para ver se se precisa traer a alguén máis. Non hai que precipitarse. Hai que ver o paso das primeiras xornadas de Liga, como nos damos amañado sen eses dous xogadores -César Loureiro e Nacho, que ten para máis dun mes de recuperación por un esguince de xeonllo-. Ademais, agora mesmo tampouco hai no mercado opcións claras para fichar. Toca agardar, valorar o que nos poida facer falta e o que haxa libre.
-O Céltiga parte co cartel de aspirante ao ascenso...
-Si, si. Si. Somos conscientes de que nos ficharon para conseguir o ascenso. Non agochamos que o obxectivo do Céltiga é voltar á Terceira División. É a categoría que lle corresponde.
-Vostede sabe ben xa como devolver un equipo recén descendido á Terceira. ¿Cal é a fórmula do éxito?
-A fórmula é adaptarse rápido aos cambios. As dos equipos recén descendidos soen ser situacións bruscas, con cambios de moitos xogadores. O máis importante para min despois dun ano de fracaso deportivo é o estado anímico do colectivo. O máis importante neste caso é xuntar un moi bo grupo humano. Xente que vai estar ao cento por cento. E creo que o fixemos. Sen esa unión xa podes traballar o que queiras a nivel físico e táctico, que non vas conseguir o obxectivo.
-A tempada pasada o Céltiga contaba sobre o papel cun plantel ben armado, que moitos vían entre os oito primeiros da Terceira. ¿Como será o Céltiga de Rial para que as perspectivas de partida rematen cumpríndose esta vez?
-Aínda que a longo prazo nos marquemos o obxectivo do ascenso, imos traballar pensando no curto prazo, indo semana a semana. Díxenlles aos xogadores que vaian ben as cousas ou vaian mal, non temos que cambiar de filosofía.
-¿E cal é esa filosofía?
-Moito traballo. Moita intensidade. Temos adestramentos non moi longos, pero si intensos.
-¿Rivais polo ascenso?
-Os prognósticos son un pouco arriscados. O Nigrán, aínda sendo un recén ascendido, fichou a bos xogadores, algúns con experiencia na Segunda B. Logo están os equipos habituais, como o Choco ou o Barbadás. Os recén descendidos, Lalín e Verín, deberían de contar para estar arriba. E logo están os equipos revelación, como podería ser o Ribadumia, que conta co traballo acumulado da tempada pasada e reforzou moi ben o seu plantel.
-¿E que o opina do resto dos equipos da zona?
-Pensei que o Arousa ía ter máis dificultades para formar equipo, pero creo que vai dar guerra. E o Cambados fixo bos resultados na pretempada e fichou a un bo punta, Camilo Vila. Penso que ningún dos dous equipos vai pasar apuros.