Medio século vendendo lambetadas

Carolina Laya VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Tres xeracións son xa as que pasaron por un quiosco, o Isaías, que acumula anécdotas á par que clientes. Este mes, o local cumpre 52 anos de vida que deron para moito

15 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O primeiro quiosco do Grove fundouse no ano 1958, época na cal comezaban a aparecer as primeiras casetas de artesanía na illa da Toxa. Lidia e Isaías Muñiz eran os seus encargados. Ao principio estaba situado onde a confraría de pescadores, pero alá polo ano 85 xa o trasladaron á praza do Corgo, lugar onde se atopa actualmente. No ano 1990 xa só o traballa Isaías, e o quiosco muda así o seu nome de O Corgo polo de Isaías.

Os colares e ornamentos que vendía Isaías no seu quiosco eran ben coñecidos e apreciados na zona, pois a súa muller, Divina Domínguez, que era quen os facía, incluso chegou a acadar un premio por un deles. Co paso do tempo comezaron a abrir moitos bazares na zona, polo que no quiosco Isaías empezaron tamén a venda de lambetadas, algo ao que se dedican en exclusividade desde fai catro anos, aínda que durante a Festa do Marisco seguen vendendo artesanía.

Outro dos seus produtos estrela até fai uns anos eran as novelas do Oeste. Isaías tiña unha gran colección deste tipo de libros e púñaos á disposición de todos alugándoos. Pola época eran moitos os mariñeiros que pasaban por unhas cantas novelas antes de ir navegar.

O intercambio de novelas do Oeste fíxose até o 2001, ano no que Isaías enferma e o seu fillo Luís se pon á fronte do quiosco. Luís Muñiz volveu ao Grove despois de estar emigrado en Alemaña, converténdose así no representante da segunda xeración quiosqueira tras seu pai e súa nai. Ao principio el non tiña pensado quedar co establecemento, pero xurdiulle a oportunidade de ter este traballo ao lado da casa e volveu. Co paso do tempo, Luís foi o fillo ao que máis lle gustou este traballo e, segundo os seus irmáns, «tamén é o que máis cara ten».

Luís leva xa nove anos á fronte do negocio e conta sempre co apoio de súa nai e do seu sobriño David, que traballa no quiosco todos os veráns. El non ten pensado aínda se vai quedar no quiosco ou non pero, como di Divina, «tampouco o tiña pensado Luís e mira agora que ben está. Alguén da familia sempre vai quedar».

O quiosco cumpre este mesmo mes 52 anos, e a pesar do tempo nunca perdeu a esencia familiar que o caracteriza. Veciños e turistas acoden regularmente a el, creando así un clima case familiar con Divina e os seus. Esta muller, á que lle sobra corazón, móstrase moi agradecida a todos os seus veciños, sen os que di que «non seríamos, porque o pobo dánolo todo. Temos unha clientela moi fiel á que lle temos moito cariño».

A Divina Domínguez tamén lle gusta contar como introduciu fai uns anos o uso dunha peculiar cestiña para contar as larpeiradas. «Facíase difícil andar a sacar as lambetadas da bolsa para logo contalas e volvelas a meter, así que llo dixen ao meu home e merquei unhas cestiñas para que os rapaces botaran as que querían e logo eu contáballas e metíallas na bolsa. Isto é moito máis doado, e o método triunfou pois téñoo visto noutros quioscos da zona».

É curioso tamén que esta familia faga a diario de punto de información do Grove, pois, a pesar de que a poucos metros do quiosco hai unha oficina de turismo, a xente non se decata e acaba preguntándolle a Luís. Deste xeito, e atendendo sempre con amabilidade e simpatía, é como os Muñiz Domínguez logran estreitar os lazos con veciños e turistas.

Pero ademais de punto de información, o quiosco Isaías convértese ás veces nunha peculiar pasarela de Hollywood á española. Por alí pasou xente como Pedro Piqueras, unha figura á que Divina Domínguez sempre admirou e ao que lle presentaron cando foi á Festa do Marisco a ler o pregón, e co que chegou a sacar fotografías.

Non se pode dubidar nin da historia que acumula este quiosco nin de que aínda lle quedan moitas cousas por vivir, agora con Luís Muñiz á fronte, e quen sabe se tamén co seu sobriño David.