Manolo Jiménez respalda o proxecto da xestora do Arousa

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

15 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A ilusión e as ansias coas que a xestora de Manolo Abalo está a tentar reflotar o Arousa están a resultar contaxiosas. E non só polos máis de 700 socios que a día de onte tiña contabilizados pola conta da vella o presidente da directiva arlequinada. Pesos pesados do arousismo histórico tamén están a reaccionar ante o inrtenso labor realizado polos actuais responsables da entidade vilagarciá no curto prazo de dous meses.

O último en amosar o seu apoio ao proxecto de Manolo Abalo e compaña é de feito o maior referente do Arousa: Manuel Enrique Jiménez Abalo. O que fora internacional coa selección absoluta española en 1981, retirado a comezos dos 90 tras unha longa carreira deportiva coma defensa do Sporting de Gijón, club ao que chegou procedente do Arousa, retirou onte o seu carné de socio nas oficinas da Lomba. E fíxoo con convocatoria de prensa incluída, co obxectivo de salientar o valor do esforzo da xestora.

Manuel Jiménez recoñecía onte non lembrar cantos anos había que non sacaba o carné arlequinado, «quizais catro ou cinco», dixo. Unha liturxia anual da que se ocupaba o seu pai. Residente en Gijón, onde traballa coma representante de futbolistas desde a súa retirada dos campos en 1992, o internacional vilagarcián aproveitou as súas vacacións na capital arousá, que visita alomenos un par de veces ao ano, para «poñer o meu gran de area para que o club saia do pozo no que está». Algo que, advirte, «só se consegue axudando todos».

Jiménez adiantou que «en canto regrese a Gijón voulle propoñer ao Sporting que lle bote unha man ao Arousa dalgunha maneira. No Arousa pensan nalgún tipo de colaboración no fútbol base». E se ben o ex xogador non traballa para o Sporting, «teño moi boa relación co club».

Triangular de Deiro

Por outro lado, o plantel arlequinado xogou onte o triangular de Deiro, perdendo 3-0 co San Martín e superando o anfitrión 2-4 -a copa foi para o San Martín, que empatou a 0 co Deiro-. Hoxe os homes de Lino González reciben en Berdón ás oito da tarde o Rápido de Bahía na primeira eliminatoria da Copa Deputación.