Un gran casco a proba de golpes

Carolina Laya redac.arousa@lavoz.es

AROUSA

A botadura ao mar do Illa de Cortegada levouse a cabo onte dun xeito rápido e limpo onde a maior complicación da tarde foi a rotura da botella de champaña que colgaba da proa. Á alcaldesa de Vilagarcía e madriña do evento, Dolores García, resistíaselle o momento de estourar a botella contra o ferro para levar por fin o barco ao mar. Ata en cinco ocasións tivo que tirala con forza para que, finalmente, a champaña e os cristais da botella chegasen ao chan do estaleiro e comezar co lanzamento.

Á botadura uníronse, ademais dos encargados do estaleiro, da asociación Rompetimóns e das autoridades pertinentes, algúns bañistas que disfrutaban dun caloroso día na praia de Riasón. Estes aparcaron o seu chapuzón para fotografar un feito ao que poucos asistiron algunha vez.

Manuel Mougán, o dono do estaleiro da Illa onde se botou o galeón Illa de Cortegada, leva toda a vida reparando e deseñando embarcacións de todos os tipos. Nesta ocasión, cinco meses foron suficientes para coidar ata o mínimo detalle deste navío de doce metros de eslora (e doce de altura unha vez postas as velas) encargado pola asociación cultural e deportiva Rompetimóns. A velocidade depende o vento, isto está claro, pero a tea de vela lixeira coa que se armará o barco fará que este alcance altas velocidades. Esta construción foi deseñada polos traballadores do estaleiro, que traballaron en todo momento con madeira galega de pino e carballo. O golfiño que preside a proa é o cumio do coidado polo detalle neste navío réplica das embarcacións tradicionais da zona.