Son de aquí, pero queren chegar lonxe

María Santalla VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Oito grupos que tratan de abrir camiño na música actúan hoxe e mañá na Xunqueira

10 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Son de aquí é o ambivalente título que os organizadores decidiron darlle á proposta musical que esta noite e a de mañá animará o entorno da Xunqueira. Nos dous concertos recollidos baixo ese nome xenérico participarán oito grupos da nova fornada musical de Vilagarcía. Esta iniciativa ten unha dobre función: «Ofrecer a estes mozos un escenario e prestixiar no ámbito social un dos logros máis importantes dos últimos anos, os locais de ensaio», dicía onte o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón.

O primeiro dos concertos comezará esta mesma noite, ás dez e media. Pacodelia será a formación encargada de romper o xeo. A continuación, o cartel da noite compóñeno Myths about Pandas, Lusco Fusco e Jodido Lunes. Mañá mércores actuarán Borderline 79, Extraviados, A Sacho e Rambling Rose.

Algúns destes grupos participaron onte na presentación dos concertos e explicaron o que o público poderá atopar estas dúas noites. Así, desde Lusco Fusco anuncian unha nova etapa, xa que pasarán dunha música máis festeira a outra «máis elaborada, con máis contido folk». Myth about Pandas promete «tralla» e Borderline cre que o de mañá será un concerto importante porque «por primeira vez imos dar unha visión completa do noso estilo». Extraviados ofrecerá a súa primeira actuación, cun estilo de música baseado nos ritmos rock dos setenta e dos oitenta. Tamén será a súa estrea cara ao público para Jodido Lunes.

Na presentación deste festival participou onte a concelleira de Xuventude, Ana Lorenzo, quen aproveitou para queixarse da falta de apoio da actual dirección xeral de Xuventude ao proxecto dos locais de ensaio. «Agora é o Concello de Vilagarcía o que asume o custe destas instalacións que, como se ve, son tan importantes». A edila destacou que dos oito grupos que actúan esta noite e mañá, sete están utilizando os locais de ensaio do auditorio.