Acada ano que pasa, compañeiros, entendo menos o asunto dos números. Sobre todo cando se aplican a congregacións máis ou menos humanas. Cando a Jaime Pita, entón conselleiro maior de don Manuel, lle informaron de que un domingo Compostela estaba ateigada de galegos indignados pola catastrófica xestión do Prestige , con cifras que xuntaban cinco ceros, só acertou a vociferar que en Santiago non cabía tanta xente. Foi curioso comprobar como, pouco tempo despois, os seus correlixionarios daban por boas contas tremebundas, sen medo a falar de millóns cando do que se trataba era de darlle caña aos de enfronte, manifestándose en Madrid en canto había ocasión de abanear a ZP. É tradición en Cambados contabilizar persoal en densidade perigosa para a estabilidade xeolóxica da vila. Un cuarto de millón de persoas semella moito tiberio, sobre todo se chegan a celebrar o Albariño a bordo de tres mil automóbiles. Unha simple operación indica que nada menos que 83 fulanos tiveron que viaxar en cada un dos bugas sinalados, a non ser que fixesen uns 16 desprazamentos por barba. Como a festa continúa, é probable que vexamos máis prodixios en Vilagarcía. Cuarto milenio.