«Eu xa nacín nunha taberna»

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Non é vilagarcián de nacemento, pero coma se o fose. Isidro Fariña, leva casi 30 anos traballando sen coller vacacións. Iso sí, recoñece, «veño tardiño a traballar»

17 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Se Joaquín Sabina entrase un día na adega Os Arcos, en Vilagarcía, o taberneiro atenderíao como a todo o mundo, aínda que algo máis nervioso. Porque Isidro Fariña, nado en Carracedo hai máis ou menos cincuenta anos, confesa que é «bastante de Sabina». Fala o noso protagonista cunha voz rabuda que recorda á do músico ao que lle gustaría ter sentado, bombín incluido, no seu local. Estamos no seu bar, nesa hora da tarde na que se queda só (persiana baixada e documental de animais na tele) para descansar a cabeciña e coller forzas para a sesión de noite nun dos locais máis característicos de toda a bisbarra.

«¿E que queres que che conte?». Xa non se sabe cantas veces leva feita esa pregunta. «Cando saia no xornal vai vir todo o mundo a romperme a cabeza...», reflexiona, como lamentándose de ter accedido á entrevista. Pero xa non queda outra, así que ao cabo empeza a contar a historia da súa vida. E o arranque é dos bos. «Eu xa nacín nunha taberna». En concreto en Casa Fariña, un negocio que segue aberto no seu Carracedo natal. Sendo un rapaz quedou orfo. «O meu irmán quedou na casa e eu marchei a buscarme a vida por aí», recorda.

Traballou en Caldas, en Santiago, e ata pasou por Ibiza e Mallorca. De volta en Galicia, fixo unha parada en Vilagarcía «para facer un extra». Viña para unha semana, e leva xa case trinta anos na cidade. De feito, case todos eles no mesmo local da avenida da Mariña, ao que chegou como camareiro e do que se convertiu en xefe cando aínda «era moi crío». «Daquela paseino mal», lembra. «Cando os representantes de viños entraban pola porta sempre me dicían, ''Chaval, ¿dónde está el jefe?''. Eu mandábaos onda Manuel». Manuel foi o primeiro camareiro que tivo en nómina, durante moitos anos, por certo. Despois tomaríanlle o relevo os seus sobriños Esteban e Julián. «Toda a familia», di Isidro.

E volve falar da familia cando se lle pregunta pola súa clientela. Sobre todo, pola que o acompaña durante os longos invernos arousáns. «Á xente cólleslle cariño. Cando falta algún, síntelo como se faltase alguén da casa. E en 27 anos imaxínate xa os que faltaron...». Isidro deixa as palabras en suspenso e o seu rostro compón a expresión de quen está a recordar a vellos amigos aos que segue a botar de menos.

Co fútbol a voltas

Os amigos son importantes para este home, que asegura que a súa máxima aspiración é «vivir tranquilo». «Eu intento levarme ben con todo o mundo, aínda que xa sei que non todo o mundo se leva ben comigo», di cun dos seus sorrisos tradicionais. O mesmo sorriso co que teima en desmentir a sona de cascarrabias que lle atribúen algúns dos seus clientes máis fieis, entre os que se atopan políticos, xornalistas e artistas de todo tipo. Incluídos, claro está, os que rubrican as pezas que adornan as paredes do seu local. Canda esas obras atópase o visitante unha foto do taberneiro co mesmísimo Buyo. É que o único tema sobre o que Isidro se permite opinar con liberdade cando está no seu bar é o fútbol. «Eu son máis do Madrid», espeta. Pero nin polo seu clube está disposto a perder un cliente, así que cando as cartas veñen ben dadas no Santiago Bernabeu, toca aguantar. Oír, ver e calar, aínda que «quen te veña a tocar a moral sexa un tipo que non che entra no bar máis que para iso». De política, por suposto, Isidro non fala. «Eu neses temas non me meto».