Que lles parecería que cada vez que van ao ambulatorio a Administración lles cobrase 20 ou 30 euros? Iso exactamente é o que algúns lumbreiras están comezando a introducir no discurso político deste país a conta dunha crise que, xerada pola avaricia desmedida dos poderosos, está a piques de funcionar como ariete contra o Estado do Benestar que tanto tempo, loitas, mortes e sufrimentos custou edificar. Chámanlle copago e nolo están metendo dobrado os mesmos que mamaron cartos públicos a montes para taparen as fendas que a súa ambición podre abriu nos seus propios petos. Eses palanquíns dinnos agora que temos que marchar á rúa cunha indemnización miserenta e afacernos a que iso de percibir unha prestación de desemprego é cousa de nugalláns e preguiceiros. Queren saquearnos a conta dos servizos irrenunciables que xa sufragamos cos nosos impostos. ¿Que copago nin que andrómena, é que non os estamos pagando xa? ¿É que non os levamos anos pagando? ¿É que eses servizos non son nosos por dereito? ¿Como é posible que planteis enteiros de traballadores fiquen sen nada pola xestión de catro malnacidos e aínda traten de convencernos a todos de que a culpa é nosa?