¿E que pasa con tanto caradura?

AROUSA

Tal como está a cousa, é normal que teñamos que furar o cinto. Por iso comparto a redución de salario aos empregados públicos, xa que a xente da empresa privada estamos nas mesmas. Mais sospeito que estas medidas están deseñadas para fomentar a pelexa fratricida entre os parias deste mundo, facendo do funcionariado o saco de boxeo no que os curritos bater a nosa frustración. Porque mentres nós, os de abaixo, celebramos con foguetes o desconto na nómina do veciño, os que de verdade teñen a culpa disto seguen engordando por aí arriba o papo coma porcos de pé. Boto en falla que alguén meta en cintura eses banqueiros que no 2008 recibiron do Estado avais por importe de 100.000 millóns de euros e os obrigue por decreto a ingresar un bo anaco dos seus escandalosos beneficios nas arcas públicas. Non entendo por que non acaban embargados e na cadea os especuladores que están afundindo o emprego, véxase Alfageme, cos cartos de todos. Non sei por que, no canto de recomendacións da FEMP, non se fixa dunha vez por lei os salarios dos cargos políticos, non se eliminan as deputacións ou non estamos a falar xa da fusión de tanto concello imposible. Vai sendo hora de que os pringados mandemos parar.