A morte de Concha

José Luis Recuna

AROUSA

A asociación Veciños AntiViolencia, ante o gravísimo suceso no que resultou morta Concha Sánchez Tomé, veciña de Teixeiro, acoitelada por un veciño que, dacordo con todas as informacións, levaba anos acosando aos seus veciños, temos que manifestar as nosas condolencias máis sinceiras e a nosa solidaridade ao seu marido e a todos os seus familiares e veciños. Manifestar tamén aos veciños e familia que poñemos á súa disposición os nosos modestos medios en todo o que poda reparar ou diminuír a dor e a perda sofridas.

Dicir tamén, e con todo o respeto á familia e veciños, que o problema do acoso e a violencia veciñal e o admirable e encomiable xesto desta señora de Teixeiro de interpoñerse entre o agresor, o coitelo e seu marido, non se debe nin merece rematar esquecido baixo o manto das manifestacións de dor e de apelacións xenéricas e baleiras á convivencia pacífica. No noso país e en toda a sociedade española existen numerosos casos de acoso e violencia veciñal que, na inmensa maioría, moitas persoas sofren en silencio durante anos e anos. Algún deses casos acaban nunha desgracia irreparable. Por iso nos parece que hai que facer algo máis que laiarnos e voltar a esconder este tipo de problemática no ámbito privado. É necesario recoñecer a existencia deste problema e a súa gravidade, ao igual que se fixo coa violencia de xénero e outros tipos de violencia, e xenerar mecanismos de control dos agresores e protección das víctimas, crear instrumentos penais, legais, servizos de mediación e un longo etcétera que son necesarios para asegurar a defensa e calidade de vida das vítimas ou, cando menos, para garatir unha coexistencia pacífica. Humanamente hoxe é o día de arroupar e consolar á familia de tan irreparable perda e iso é o prioritario, pero mañán debe ser o día de comenzar un novo camiño no que feitos como o presente non se volvan repetir.

A asociación fai un chamamento á sociedade galega, aos vecinos e ás diversas institucións, xudiciais e de goberno, a rematar coa invisibilidade social do acoso e a violencia veciñal e a traballar por medidas concretas que aseguren, máis aló dos desexos e palabras ben intencionadas, unha convivencia pacífica e os dereitos á seguridade, á saude, á liberdade e á calidade de vida de todos os veciños.